Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense vén de presentar a súa programación para as noites de verán. Dez concertos para outros tantos xoves, ao abeiro do programa Cultura no Camiño da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), que encherán a praza de San Martiño “de moita música e dunha posta en escena moi próxima: unha programación variada, que quere chegar a todas as sensibilidades e que promete ser o cerne das noites ourensás”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Na rolda de prensa estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen salientou o traballo do seu departamento para “conciliar o ciclo festivo con outras actividades e festivais”; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, que lembraba que os programas culturais chegarán este ano a 98 concellos de toda Galicia; e pola xefa territorial de Cultura, Luz Quintas.

O Verán Cultural que propón o Concello de Ourense terá lugar todos os xoves a partir das 22:20 horas na praza de San Martiño con asistencia libre e de balde. A primeira cita será co Concerto singular de Píscore, “compañía á que xa tivemos ocasión de ver no Auditorio con grande éxito” en palabras do rexedor, este xoves 13 de xullo.

A partir de entón irán desfilando artistas coma a coruñesa Silvia Penide, cunha dilatada traxectoria discográfica ás súas espaldas malia a súa xuventude, e Xardín Desordenado, no mes de xullo. Xa no mes de agosto, 5 xoves: Lulavai; Uxía e Sérgio Tannus descubrindo novos recunchos da lusofonía; os limiáns Habitación Vudú, os divertidísimos Chupadeskay e, para o seu contrapunto, Pimentel Trío, “unha delicia en clave de flamenco e jazz”, recomendaba Vázquez Abad. O mes de setembro deixaranos as propostas de Áureas, coa representación de En Voga, e Abelardo y los Farfanes.

Consulta toda a programación no espazo web da Concellería de Cultura.