Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A Concellería de Asuntos Sociais realizou, ao longo de 2016, un total de 279.880 horas de asistencia a través dos seus Servizos Sociais. Estes datos, extraidos da memoria dos Servizos Sociais Básicos presentada en xunta de goberno local, amosan que houbo un total de 75.000 horas máis de atención que en 2015 (prestáronse 205.148 horas). A maior subida prodúcese en Dependencia (axuda a domicilio), pasando de 113.000 a 188.880 horas dun ano para outro. Ademais, prestáronse un total de 91.000 horas no referido a libre concorrencia, segundo os datos ofrecidos polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa posterior á xunta de goberno.

Informe de Asuntos Sociais

O informe de Asuntos Sociais cifra en 17.977 as persoas atendidas en Ourense durante o pasado exercicio a través dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos. 1.800 menos das atendidas con respecto a 2015 (19.807), un dato que desde a Concellería se atribúe a múltiples factores: “o bo traballo no eido da inclusión social, que comprende a xestión de moitas máis alternativas que antes, o aumento dos recursos de axuda a domicilio e a derivación dos usuarios de libre concorrencia ao programa de atención Individualizada”, reseñou o alcalde. “Non só se manteñen os servizos sociais básicos senón que se aumenta a cantidade e se aumenta a oferta de itinerarios formativos e sociolaborais” resumiu.

No Concello de Ourense, os servizos sociais comunitarios básicos están descentralizados en catro UNIS (Unidades Interdisciplinares de Intervención Social), que son a porta de entrada aos Servizos Sociais, “o primeiro filtro a través da recepción da demanda, dando un servizo de información, orientación e asesoramento, procedendo a tramitación e/ou derivación segundo as necesidades planeadas”. Están localizadas no Casco Vello, O Couto, A Ponte e Centro, e cada unha conta con traballadores sociais, educadora familiar e persoal administrativo. Só en 2016, foron 12.442 persoas as que recibiron atención a través das UNIS do Concello de Ourense, facendo unha media de 415 consultas por mes. A maior demanda prodúcese no barrio da Ponte, con 3.443 persoas atendidas (115 por mes).

Un dos programas máis importantes que desenvolven as UNIS é o programa de educación e apoio familiar a través do equipo interdisciplinar de Educadoras de Familia e Traballadoras Sociais. Durante o ano 2016 estiveron incluídas neste programa un total de 393 familias. As atención realizadas ascenderon a 1.387 e, deles, 537 eran menores de idade.

Os servizos sociais básicos do Concello de Ourense traballan ademais noutros campos, como son os de

  • Axuda a domicilio: O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local que consiste en ofrecer un conxunto de atencións as persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu medio habitual. Hai dúas modalidades de acceso: o directo, para persoas que teñen recoñecida unha situación de dependencia -433 usuarios (296 en 2015)-; e os de libre concorrencia, para as persoas as que non lle asiste o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia. Foron 527 usuarios (594 en 2015).
  • A teleasistencia domiciliaria é un servizo de atención telefónica ininterrompida cun equipamento de comunicacións e informática específicos especialmente destinados a persoas maiores que viven soas para que teñan atención inmediata en caso de emerxencia. O total de usuarios que empregaron este servizo no ano 2016 ascendeu a 462 usuarios (362 en 2015).
  • Comedor sobre rodas: Un servizo complementario do Servizo de Axuda no Fogar, que mediante persoal cualificado subministra diariamente a comida no fogar a persoas que pola súa especial situación así o requiran. Foron 96 usuarios os que empregaron este servizo.
  • Centro de Día: un recurso social intermedio e defínese como centro xerontolóxico, socio terapéutico e de apoio á familia, no que se proporciona unha atención integral diúrna a aquelas persoas maiores que presentan perda de autonomía física e/ou psíquica que residen no seu domicilio e precisan coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social para o seu nivel de autonomía. Foron 30 os usuarios en 2016.
  • Fogar do transeúnte: O Albergue Municipal de Transeúntes configúrase como un centro de inclusión e emerxencia social para o aloxamento de carácter temporal destinado a acoller persoas en situación de emerxencia social, persoas transeúntes e persoas que están sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un período limitado de tempo. A totalidade das pernoctas neste ano foron 3.987, sendo xaneiro, con 406, e novembro, con 395, os meses de maior actividade.

 

Avogacía Consistorial

A xunta de goberno local deu de si, ademais, para outros 28 expedientes achegados polos diferentes servizos municipais. Os máis numerosos foron os da avogacía consistorial. Un total de 14: 9 sentenzas, 4 persoamentos e unha corrección de erros.

  • Cinco dos asuntos fan alusión ao Plan Especial das Burgas: “Son tres novas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que estiman recursos interpostos contra o acordo do Pleno do Concello de Ourense de 20 de xaneiro de 2012 de aprobación definitiva del Plan especial de protección do ben de interese cultural coa categoría de sitio histórico do conxunto das fontes termais das Burgas e do seu contorno delimitado”, explicou o alcalde. “Sentenzas que, ao igual que a que xa coñecemos a semana pasada e que sería a cuarta neste asunto, teñen como consecuencia a anulación do PERI de As Burgas. Á vista da situación actual”, dixo Vázquez Abad, “solicitouse un informe xurídico ao respecto para adoptar a decisión de recorrer ou non a vindeira semana.” Aprazamos, pois, a decisión, para un estudo en profundidade.
  • Deuse conta doutra sentenza relacionada coas Burgas, neste caso favorable ao Concello, mais é unha reclamación: o Tribunal de Galicia desestima o recurso de dúas particulares que pedían que se excluíse un edificio da súa propiedade do ámbito do Plan Especial. Non solicitaban como as outras sentenzas, a anulación do PERI, senón que se excluíse do ámbito o seu edificio. O recurso foi desestimado polo Tribunal.
  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou tamén sentenza que estima parcialmente un recurso de Acciona Medio Ambiente en relación coa reclamación de responsabilidade contractual que lle realizara o Concello en relación co contrato de servizos de mantemento e mellora de zonas verdes públicas. O Concello reclamoulle a cantidade de 566.021,77 euros. A empresa recorreu ao Xulgado, e o Contencioso nº2 acordou deducir da reclamación 106.813,22 euros. Polo que o importe final da sanción foi 459.000 euros. Porén, a empresa recorreu de novo e en apelación dítase sentenza que mantén a de primeira instancia, logo tamén a sanción que lle impuxo o Concello, agás en que lle recoñece á empresa o dereito a reducir da sanción os xuros legais dos 106.000 euros en que se reduciu.
  • Outros asuntos tratados en xunta de goberno foron: unha sentenza do Xulgado Contencioso-administrativo número 2 na que declara inadmisible o recurso dunha empresa contra varios acordos municipais relativos a unha edificación en rúa Parque de San Lázaro. Unha sentenza na que se lle recoñece a antigüidade a un traballador municipal. A inadmisibilidade dun recurso interposto pola Xunta de Galicia que discutía unha compensación de débedas que lle realizou o Concello en abril de 2016 (IBI e Imposto de Vehículos).
  • Ademais, aprobouse unha corrección de erros e informouse de que o Concello foi emprazado para comparecer e acudir en calidade de demandado ante o Xulgado contencioso-administrativo núm. 1 en 3 recursos: por danos ocasionados nun vehículo como consecuencia da caída dun MUPI; unha asociación de pais e nais de alumnos, que reclama unha subvención municipal; e un asunto de persoal. Tamén por un asunto de recursos humanos deberá acudir o Concello, desta vez perante o Xulgado do Social núm. 4 de Ourense.

 

Servizo de licenzas urbanísticas e disciplina

No apartado de Licenzas, concedéuselle unha licenza para a instalación dun ascensor nun edificio da rúa San Froilán, no barrio da Ponte; mentres que no de Disciplina, a xunta de goberno deu conta de dúas infraccións urbanísticas por cartelería ilegal: unha sanción de 150 € por colocar carteis na fachada dun inmoble da Praza de Vigo e a incoación dun expediente sancionador por colocar carteis en diferentes emprazamentos da cidade, tanto en fachadas coma en mobiliario urbano.

 

Servizo de Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio

Desestimouse un recurso de reposición presentado por unha particular contra un acordo de setembro 2016 no que se lle denegaba a propiedade dun terreo por tratarse dunha vía de titularidade municipal na rúa da esquina, en Cudeiro.

 

Contratación

  • A xunta de goberno deu conta de dúas ordenacións decrecentes, a primeira das ofertas presentadas para a contratación do subministro de gasóleo de calefacción para diversos centros do Concello de Ourense, e para o servizo de mantemento do xestor de Bases de Datos Oracle. As ofertas mellor puntuadas terán un prazo de dez días para presentar a documentación que se lles pide.
  • Tamén se deu conta dunha resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais relacionado co proceso de contratación do servizo de mantemento e mellora das zonas verdes públicas do Concello de Ourense. A resolución obriga a levantar suspensión provisional do procedemento de contratación para retrotraer o proceso ata a ordenación decrecente admitindo a xustificación da oferta de Valoriza Servicios Medioambientales que, desta forma, aparece como a mellor puntuada e, coma nos casos anteriores, deberá presentar a documentación no Concello nun prazo de dez días.
  • Os últimos dous asuntos, unha resolución pola que se lle denega a suspensión cautelar da adxudicación do contrato para prestar a teleasistencia domiciliaria, acordoda en XGL o pasado 02 de febreiro de 2017 (para Cruz Vermella), e a autorización a Serviocio, concesionaria do centro deportivo e de saúde en Eiroás, para ampliar a hipoteca sobre a concesión, condicionada expresamente a que dito préstamo garantido pola hipoteca vaia dirixido a financiar actuacións relacionadas coa concesión administrativa.

Medio Ambiente

Declaráronse extinguidas as autorizacións outorgadas para a ocupación dos hortos de Montealegre e Mariñamansa, tomando posesión deles o Concello, salvo os hortos 68 de Mariñamansa e os 8, 14, 15, 17, 19, 22, 27, 35 e 42 de Montealegre, por dispoñer os seus ocupantes de título en vigor]. “É dicir: recuperar os hortos que non estaban sendo utilizados para volver adxudicalos, así como aqueles que foron re-adxudicados”, explicou o alcalde.

 

Cultura

Aprobáronse as bases e da convocatoria do XXXIII Premio de Poesía “Cidade de Ourense”, para o que se aproba un gasto por importe de 6.000 €.

 

Asuntos Sociais

A xunta de goberno deu luz verde para a Adhesión ao Convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as empresas subministradoras de enerxía para a protección das persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou emerxencia social a través da coordinación cos servizos sociais municipais. Trátase de conxelar o cobro durante dous meses para tramitar as axudas, evitando así que a xente quede sen subministro eléctrico.

 

Recursos Humanos

Finalmente, a xunta de goberno desestimou senllos recursos contra as bases específicas de Policía Local da Oferta Pública de Emprego. No primeiro caso por carecer o solicitante de interese lexítimo, e no segundo por por mala fe na súa tramitación.