Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello investirá 530.000 euros en acondicionar os campos de fútbol de herba artificial de Oira e Os Remedios. Neste senso, existe un convenio coa Federación Galega de Fútbol de 80.000 euros, que financiará os proxectos de execución. A mellora de ámbolos dous campos permitirá, tamén, obter o certificado FIFA4 e que se poidan realizar partidos de maior nivel competitivo.

Este asunto foi un dos 22 que se abordaron na Xunta de Goberno Local, onde tamén se adxudicou o servizo de xestión do centro de visitantes do Parque de Montealegre.

Avogacía Consistorial

Con respecto aos asuntos achegados pola Avogacía Consistorial, foron total de nove:

  • Os dous primeiros son senllos autos do Tribunal Supremo que inadmiten recursos de casación, tanto da Xunta de Galicia coma do Concello de Ourense, contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de outubro de 2016 que caía a ordenación territorial provisional do Concello de Ourense.
  • Dúas sentenzas do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense favorables a este Concello e relacionadas cos terreos onde pensaban instalarse Hipercor coma Eroski.
  • O seguinte punto é o informe elaborado pola Avogacía Consistorial en relación ás sentenzas ditadas polo TSXG relativas á anulación do Plan Especial de Protección do BIC das Burgas. A posición das xurídicas do Concello é clara: non é convinte interpor recurso de casación. Polo tanto, adoptouse a decisión de non recorrer.
  • Un persoamento no concencioso administrativo número 1 de Ourense por un procedemento interposto polo grupo municipal do PSOE contra a convocatoria e as bases en interinidade da Educadora social do CIMM.
  • Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se confirma a sentenza do Contencioso Administrativo número 1 de xullo de 2016 pola que os Bombeiros de Ourense teñen dereito a ter unha alternativa de vacacións ao desestimárselles a pretensión de vacacións por motivos de carga de traballo.
  • Un auto aclaratorio dunha sentenza do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense que desestimaba a demanda de subida de soldo dun traballador, xa que na redacción da sentenza trabucaron o nome do mesmo.
  • E unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referida á renovación dunha sepultura no cemiterio de San Francisco. O Concello denegáralle esa renovación e a sentenza do TSXG vén darlle a razón e, polo tanto, outórganselle 50 anos máis.

Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio

Do Servizo de Planeamento, Xestión Urbanística e Patrimonio, inadmitíronse dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial por senllas caídas nas Termas de Outariz e na rúa Eulogio Gómez Franqueira, por non concorrer en ambos casos os requisitos legais esixibles que xustifican o dereito a unha indemnización. No primeiro caso logo dun ditame do Conselllo Consultivo e, no segundo, trátase dunha estrada de titularidade estatal.

Servizo de Contratación

Do Servizo de Contratación, dúas adxudicacións:

  • Por unha banda, adxudicouse o servizo de xestión do centro de visitantes do Parque de Montealegre. A adxudicataria é Xestores Medioambientais de Galicia SL, por un importe de 10,59 euros/hora (IVE engadido). O gasto concreto para o ano 2017 será aprobado pola Xunta de Goberno unha vez formalizado o contrato.
  • A segunda adxudicación foi a do arrendamento dun inmoble para a cesión do seu uso á AVV Rúa do 21. O importe é de 611,04 euros anuais e a adxudicataria foi a única licitadora que se presentou: Recreativos Saleta SL.

Concellería de Infraestruturas

Desde a Concellería de Infraestruturas, Perímetro Rural, Parques e Xardíns, Medio Ambiente, Servizo Eléctrico, Limpeza e Transporte Público aprobouse declarar a caducidade do expediente de imposición de penalidade a Ecourense iniciado o 12 de abril de 2016 e aprobamos tamén iniciar un novo expediente de imposición de penalidade á contratista Ecourense.

Trátase da reapertura do expediente sancionador polo caso da legionela.

Persoal e Recursos Humanos

Da Concellería de Persoal e Recursos Humanos, inadmitíronse 4 recursos, presentados por particulares, contra as bases específicas de Policía Local da OPE 2014 (3 recursos) e 2013 (1 recurso). Inadmítense todas elas por falla de interese lexítimo.

Concellería de Participación Cidadá

Da Concellería de Participación Cidadá, dous asuntos:

  • Por unha banda, aprobación do compromiso de gasto correspondente ao contrato de arrendamento do local veciñal da AVV Loureiro, situado en Francisco Asorey. O gasto será de 4.180,74 euros nos anos 2018, 2019 e 2020, mentres que en 2017 será de 3.135,60 euros e en 2021 de 11,61 euros.
  • E, do mesmo xeito, aprobouse o compromiso de gasto do contrato de arrendamento do local veciñal da Praza Daniel González (AVV Portovello). O gasto será de 5.242,45 euros nos anos 2018, 2019 e 2020, mentres que en 2017 será de 3.931,83 euros e en 2021 de 364,06 euros.

Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria

Por último, do Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria aprobouse o gasto derivado do contrato de prestación de servizos postais e notificacións do Concello de Ourense para o ano 2017 a favor de Unipost, adxudicataria do servizo.

Así, o Lote 1 (notificacións do Servizo de Recadación) ten un gasto de 200.000 euros anuais, mentres que o Lote 2 (resto de notificacións) será de 45.000 euros.

Fora da Orde do Día

Fóra da orde do día, o concelleiro de Deportes, Mario Guede, informou de importantes proxectos que someterá a votación do Consello Municipal de Deportes na súa xuntanza do nove de marzo ás 2 da tarde. Estamos a falar dun investimento que supera os 500.000 euros (medio millón) se incluímos os custes da redacción de senllos proxectos: 530.000 euros en total.

Falamos de acondicionar campos de fútbol municipais para adaptalos á normativa vixente e que acaden o certificado FIFA4 e que se poidan realizar partidos de maior nivel competitivo. Estes proxectos acometeríanse grazas a un convenio coa Federación Galega de Fútbol que estaría sobre os 80.000 euros.

Actualmente o Consello Municipal de Deportes xestiona de xeito directo 23 instalacións, as cales teñen un elevado uso. Este é o caso dos campos de fútbol 11 de Oira e do Pavillón dos Remedios. O uso ronda os 200 deportistas ó día, e nas fins de semana se disputan un promedio de sete partidos de ligas regulares de distintas categorías.

O pavimento sintético de Oira foi instalado no 2001, co que a día de hoxe atópase nun avanzado estado de avellentamento. Seu rendemento a nivel deportivo e nas condicións de seguridade resulta moi baixo. Este punto xa o fixeron constar algúns colexiados en actas dalgún dos partido disputados nesta instalación.

Respecto o pavimento sintético do campo de Fútbol 11 no Pavillón dos Remedios o número de deportistas que fan uso do mesmo é similar ó de Oira. Este campo foi instalado no ano 2.005 co que seu estado de desgaste atópase moi avanzado.

Neste tipo de instalacións a súa vida útil oscila entre os oito e os dez anos independemente do nivel de uso, co que ámbolos dous campos xa a finalizaron desde hai ben tempo. O Consello Municipal de Deportes considera inminente a substitución do pavimento destas instalacións, para garantir un uso seguro e eficaz por parte dos nosos deportistas.

Para materializar a instalación, o Concello de Ourense e o Consello Municipal de Deportes estánse a volcar. Froito deste seguimento achegouse un convenio de colaboración entre a Federación Galega de Fútbol e o Concello de Ourense. Neste convenio a Federación proporciona os proxectos de execución e o Concello, a través do Consello Municipal de Deportes, pon a disposición da Federación as instalacións deportiva municipais cando o ente federativo o poida precisar. Os proxectos xa están entregados e aprobados na última sesión do Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, e inclúen a colocación sobre a solera existente dunha base elástica de última xeneración, un céspede sintético e un sistema de rego por canóns emerxentes, todo elo coa máxima certificación.