Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense aprobou, na xunta de goberno local celebrada o 16 de marzo, a concesión das obras de ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, que acometerá a Xunta a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cun investimento de 489.447,65 euros, e o proxecto básico e de execución da pista de atletismo hidráulica cuberta no recinto feiral de Expourense, cun orzamento de execución material de 512.152 euros IVE incluído.

“Desde que este goberno municipal tomou posesión en xuño de 2015, acadou investimentos por parte da Xunta, a través da Consellería de Cultura e Educación, por máis de 7 millóns de euros. Investimentos xa tramitados e executados, unha cantidade nunca antes vista noutros gobernos”, recalcou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na rolda de prensa na que deu conta dos asuntos da xunta de goberno. “E non só foron melloras en centros educativos -Universidade Laboral, CEIP A Farixa, Colexio de Prácticas, Irmáns Villar, CPI de Mende...-, que supuxeron máis de 3,5 millóns de euros, senón tamén ao Campus Auga (3,3 millóns)”, dixo.

No apartado de licenzas, concedéronse licencias para demoler un edificio na Avenida de Pontevedra, 3-5; para a segregación dun local na rúa Avilés de Taramancos; para renovación e mellora dunha nave industrial na estrada de Vigo, en Quintela de Canedo; e para a construción dun edificio na rúa Juan de Austria. Pero non foron os únicos asuntos referidos ao departamento de Urbanismo.

No referido ás aperturas, concedéronse 4 licencias para reforma de café-bar restaurante na rúa Reza; para adaptación de local destinado a Lavandería en Ervedelo; para un punto de interconexión de rede de telecomunicacións en Pena Trevinca; e para adaptación de local para oficina na avenida de Zamora. No relativo á disciplina Urbanística, tratáronse cinco expedientes por colocación ilegal de carteis anunciadores en fachadas, e que se resolven con multas de 150 e 300 euros.

Avogacía consistorial

No tocante aos asuntos xurídicos, a xunta de goberno do Concello de Ourense deu conta de 3 sentenzas, 2 autos, 4 persoamentos en calidade de demandado, así coma 1 decreto do Xulgado do Social nº1 de Ourense arquivando unha demanda presentada por unha traballadora do Concello. No que respecta aos 2 autos, ambos son do Tribunal Supremo e están referidos a senllos recursos de casación relativos ás normas provisionais de ordenación, e que son inadmitidos.

En canto ás sentenzas, unha do Xulgado Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense, que lle dá a razón ao Concello na decisión de retirar os veladores sen autorización a unha cafetería (na Avda. Rodríguez Castelao) e que os propietarios levaron ao xulgado; outra do Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense que obriga a Xunta de Galicia a indemnizar con 2.500 euros a unha particular polas lesións sufridas ao baixar do autobús urbano na Avda. De Celanova (e exonera o Concello dos 6.249,89 euros que solicitaba); e, finalmente, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que desestima un recurso dun traballador do Concello confirmando unha sentencia previa do Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense.

Por outra banda, o Concello deberá comparecer en calidade de demandado en catro procedementos: ante o Xulgado Contencioso-Administrativo nº1 a instancia de dous particulares, o primeiro por unha liquidación de plusvalías e o segundo por unha xubilación dun ex traballador deste Concello. Tamén acudirá ante o Xulgado Contencioso-Administrativo nº2 en senllos procedementos relativos a Persoal interpostos polos concelleiros do PSOE, que recorre a convocatoria e as bases do médico interino para a Unidade de Asistencia á Drogodependencia; e por outro interposto polos concelleiros socialistas máis os de Ourense en Común polo recurso de reposición que interpuxeron contra o nomeamento do xefe de persoal deste Concello.

Contratación

A xunta de goberno acordou a prórroga do contrato de subministración de papel para o Concello de Ourense. “Será durante un ano e por importe de 17.569,69 euros en 2017 e 7.878,47 euros nos tres primeiros meses de 2018”, relataba Vázquez Abad, “cunha baixa do 22,40% sobre os prezos unitarios que figuran no anexo 1 do prego”.

Xestión Económica e Orzamentaria

Aprobouse un expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos para aprobar en Xunta de Goberno Local. Son facturas, por importe de 443.244,90 euros, correspondente a gastos realizados no 2016, e que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación no devandito exercicio.

Comercio

Desestimáronse dous recursos de reposición por dúas sancións interpostas pola colocación de veladores sen a preceptiva autorización para facelo e unha solicitude de autorización para instalalos.

Cultura

Aprobáronse as bases e a convocatoria do Premio Rosa Gómez de Creación Literaria, que este ano alcanza a súa 14ª edición e está dotado con 900 euros. En segundo lugar, aprobouse un convenio de colaboración entre o Concello e o Consello da Cultura Galega para o desenvolvemento do concerto do Día das Letras Galegas, en homenaxe a Carlos Casares, que terá lugar no Auditorio Municipal.

Asuntos Sociais

Por último, a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, achegou unha análise da xestión comparativa dos anos 2015-2016 da Concellería de Asuntos Sociais, estruturados en tres apartados:

  • Dentro dos Servizos Sociais Comunitarios básicos, resalta o elevado incremento no número de horas de Atención no Fogar a persoas Dependentes. Preto de 76.000 horas máis no ano 16 ca no 15 para aquelas persoas que precisan de maiores coidados. Un incremento en termos porcentuais dun 67% e ao redor de 100.000 horas: 2015 – 113.000 h/ano ; 2016 – 188.880 h/ano
  • Dentro dos Servizos Sociais Comunitarios Específicos, salientou os seguintes programas:
    • Programa de envellecemento activo, cun incremento dun 5% con respecto ao ano 2015 do número de prazas de actividades convocadas.
    • Servizo de Tele-asistencia domiciliaria, o número de usuarios aumentou nun 28% no ano 2016. Ofrecéndolle a posibilidade de seguir vivindo no seu domicilio coa seguridade de que, ante calquera situación de necesidade, terá atención as 24 horas do día, os 365 días do ano. Pasouse de 362 usuarios (2015) a 462 usuarios (2016).
    • Programa de Inmigrantes. Cóntase desde o mes de marzo de 2016 cun sicopedagogo fixo que permitiu darlle continuidade ao programa de reforzo educativo e formativo e de intermediación familiar
    • Programa de Inclusión e Plan “IMEDRA”. O ano 2016 supuxo un salto cuantitativo e cualitativo no traballo a prol da Inclusión Socio-laboral, asegúrase no informe. Pasouse dun programa baleiro e esgotado no ano 2015 a un traballo estruturado o pasado ano desde o que se ofreceron:
      • Cursos de formación organizados pola propia Concellería co fin de perfeccionar a formación e as capacidades de aqueles que o necesitaban para mellorar as súas expectativas laborais.
      • Formación en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ourense e CIMO.
      • Derivacións para formación con admisións contrastadas a outras entidades.
      • Derivacións a empresas para a cobertura de ofertas laborais. Ao redor dun 15% das persoas derivadas atoparon emprego.

A maiores dos programas propiamente definidos existen outros datos destacables que supoñen un valor engadido á Área Social.

  • A posta en marcha por vez primeira neste Concello, no ano 2016, do Programa Caixa Proinfancia cun orzamento de 225.000 €
  • O aforro en alugueiros desta área, que aínda que será real e efectivo neste ano, foi un duro traballo do ano que rematou.

Centros Cívicos: Por vez primeira se realizou unha convocatoria pública para a selección de proxectos co fin de realizar a programación de actividades nos centros. Un paso máis na procura da máxima transparencia, en aras de acercar o goberno municipal a toda a cidadanía.

Aumentouse un 9% a cesión de espazos nos centros cívicos para distintos colectivos; Asoc. Asistenciais, grupos teatrais , asembleas de agrupacións, charlas e conferencias, etc… Desde a ONG Aldeas Infantís ata por exemplo a xuntas xerais de comunidades de propietarios e propietarias da Ponte, por poñer un exemplo, ou unha xornada de acción sindical do Sector Ferroviario de CCOO de Galicia.

A oferta de Apoio Escolar en tres centros. “Había anos que non se ofertaba e cando se ofertou era para 2 centros, este ano 3”, comenta a concelleira. Neste senso recordar que para o ano en curso, este 2017, tanto nos 5 centros cívicos da cidade como no Centro de Información Municipal ás Mulleres se incrementarán ao redor de 800 horas de servizo para a conciliación e coeducación na igualdade.

Ata o de agora o Programa Coeduca, tiña como único espazo o CIMM, e a partir de agora estenderase tamén aos barrios da cidade. Pasaremos pois das 3.747 horas anuais de conciliación que presta actualmente ás 4.578 horas anuais.