Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia asinaron o 18 de abril un convenio polo que se desenvolverá a primeira fase do Plan Integral de Mellora de Infraestruturas no Polígono Empresarial de As Coiñás, dotándoo cunha inversión de 700.000 euros. No acto de sinatura participaron o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Precisamente, o rexedor ourensán agradeceu á asociación de empresarios de As Coiñás “a súa paciencia por demasiados anos esperando esta actuación, tan necesaria en materia de accesibilidade e seguridade nunha zona con 21 empresas que dá emprego a medio millar de persoas e garantiza que eses 500 empregos se sigan mantendo na nosa cidade”.

Jesús Vázquez quixo deixar claro que “aquelo que algúns viron que era imposible, finalmente sí era posible. E algúns que chegaron a negar en pleno a posibilidade de que se puidera facer, agora verán que era factible, grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aquí representada polo seu titular, Francisco Conde”.

Con este proxecto reformaranse as infraestruturas existentes máis necesarias, posibilitando así melloras substanciais, tanto desde o punto de vista da mobilidade, como de seguridade e servizos.

Así, a adecuación contempla a reposición da pavimentación, saneamento, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións e sinalización.

A primeira fase do proxecto

  • Superficie de viario: 10.378 m2 de reposición.
  • Bocas de incendio: 18 bocas de rego e 6 hidrantes.
  • Lonxitude saneamento: 655 metros tubería PVC .
  • Lonxitude abastecemento: 1.260 metros tubería fundición dúctil.
  • Número de puntos de luz: 37 luminarias LED e báculos metálicos de 8 metros de altura.
  • Lonxitude canalización R: 933 metros.
  • Lonxitude canalización Telefónica: 1.238 metros.