Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

A xunta de goberno aprobou as bases reguladoras e da convocatoria para o ano 2017 das subvencións para asociacións, entidades sen ánimo de lucro e comisións de festas que desenvolvan as accións no eido cultural ou festivo no Concello de Ourense, para o que destinará un total de 65.000 €. Este expediente de Cultura foi un dos 21 asuntos tratados na xunta de goberno local do 6 de xullo.

Ademais, déuselle luz verde a dous convenios de colaboración: O primeiro, entre o Concello de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento do 22OUFF, polo que o Concello de Ourense recibirá da AGADIC un importe de 35.000 euros. “O Festival de Cine vai collendo forma, como saben, e xa se está traballando arreo para que a vixésimo segunda edición deste certame sexa espléndida e cos parámetros de calidade que caracterizan este certame”, subliñou o alcalde.

Por outra banda, un convenio de colaboración a catro bandas entre a fundación bancaria La Caixa, Viaqua, a Fundación Agbar e o Concello de Ourense para a realización da exposición ¡H2Oh! Los secretos del agua de tu ciudad, que se poderá visitar no Xardín do Posío entre o 10 de outubro e o 11 de novembro.

Avogacía Consistorial

A xunta de goberno foi informada de tres asuntos:

  1. Unha sentenza, un auto, e un persoamento. A primeira é unha resolución ditada polo Xulgado de Social núm. 3 de Ourense pola que se estima a demanda interposta por un traballador municipal, que en virtude da mesma é traballador indefinido non fixo coa categoría de Psicopedagogo Técnico superior Grupo A 1 Nivel 25 e antigüidade desde o ano 99, e o Concello deberá regularizar o salario correspondente á dita categoría e xornada do demandante.
  2. O segundo asunto é un auto ditado polo Contencioso Administrativo número 1 de Ourense que lle denega a suspensión cautelar dunha multa de aparcamento a un particular. O demandante solicitaba que se demorase a execución da multa ata que o xuíz decidise se tiña razón ou non, pero o xulgado considera que a multa non debe ser aprazada.
  3. Finalmente, dar conta de que o Concello foi emprazado para comparecer e acudir en calidade de demandado ante o contencioso-administrativo número 1 de Ourense nun procedemento interposto por unha particular sobre a presentación dunha licenza para unha vivenda no núcleo de Casardomato.

Servizo de licenzas urbanísticas

Concedéronse oito licenzas, catro de obra e outras tantas de apertura. En canto ás primeiras, son para o proxecto básico e de execución de reforma dunha vivenda unifamiliar na Carballeira; para a instalación dun ascensor nun inmoble da praza da Legión; para instalar unha plataforma elevadora nun local de a oficinas na rúa Concello; e para a substitución de cuberta nun inmoble da rúas Río Arnoia con Río Támega. No tocante ás aperturas, concedéronse catro licenzas: para o local destinado a clínica dental na rúa Sáenz Díez; para centro médico estético na rúa Cardeal Quevedo; para bingo na Avda. de Bos Aires; e para un local de oficinas na rúa Francisco Añón Paz.

Patrimonio

Recoñeceuse, estimando a petición dunha veciña, que un camiño que figura incluído no inventario xeral deste Concello dentro do epígrafe de vías públicas rústicas non é de titularidade municipal, polo que se procederá a dalo de baixa no inventario xeral. Por outra parte, considerouse desistida unha solicitude para recuperar un terreo municipal por non cumprir esta os requisitos esixidos polo procedemento administrativo común das administracións públicas. “Os terreos, na traseira da avda. Alfonso Rodríguez Castelao, xa foran reclamados polo Concello no seu día debido a que estaban sendo ocupados irregularmente por un establecemento comercial, caso que xa fora arquivado en 2012”, explicaba Jesús Vázquez.

Infraestruturas

O Concello comprométese a poñer a disposición, libres de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a normal execución das obras de acondicionamento da vía no lugar de Lodeiros - Vilar de Astrés, que será financiada con cargo ao Plan de Infraestruturas Rurais 2017, da Consellería do Medio Rural, que o executa a través da Dirección Xeral de desenvolvemento Rural, para o cal se subscribirá no seu día un Convenio de Colaboración. Unha vez recepcionadas as obras e previa comunicación da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, o Concello de Ourense asumirá a súa explotación, mantemento e conservación.

Participación Cidadá

Aprobouse, mediante procedemento de adxudicación directa, o arrendamento de senllos inmobles para a cesión do seu uso a dúas asociacións de veciños da nosa cidade: para a AVV A Loña, na rúa da Canle, cun gasto para os vindeiros 5 anos será de 12.196,8 €; e para a AVV Os Rosais, na rúa Serra Martiña, por 18.777,28 € nos vindeiros 5 anos.

Medio Ambiente

Finalmente, a xunta de goberno informou da incoación dun expediente á Xunta de Compensación das fases 1 e 2 -zona da rúa Dalí- para determinar a súa responsabilidade por un posible incumprimento “do deber de urbanizar ou de urbanización defectuosa” por un caso de filtración de humidades. Concederáselle un prazo de 15 días para que poidan realizar alegacións.

Comercio

O Concello de Ourense vén de acordar, en xunta de goberno local, a extinción administrativa da concesión da explotación da terraza situada na parte baixa da Torre de Ourense “polos incumprimentos nos seguintes termos da concesión: realizaron unha cesión non autorizada da concesión administrativa, ademais de atoparse en situación de concurso de acredores, tal e como fan constar os informes xurídicos”, segundo comunicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. O acordo, acompañando do presente informe proposta, notificaráselles tanto á entidade concesionaria, Promociones de Alojamientos Orensanos SA, a través do seu Administrador concursal, como a Jardín Japonés SL, e a Kissinger Baltic Corporation.

Contra esta resolución, manifestou Vázquez Abad, “cabe a interposición de recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses dende a notificación”, dixo.