Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O 22º Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará entre os próximos 20 e 27 de outubro, contará nesta edición cunha imaxe cun estilo moi marcado, que irá en consonancia con parte da programación do Festival -sobre todo na dos focos e retrospectivas-, que se desvelará nos próximos meses.

Con esta nova imaxe deseñada por Betty Ogando, preténdese xerar un marcado contraste con relación á imaxe da pasada edición, que posuía cores moito máis escuras e agresivas. Ademais, este novo deseño tamén amosa unha das principais reflexións que xa dende a anterior edición comezou a facer o festival: a relación que teñen entre si as raíces de cada persoa e o propio concepto de identidade.

O prazo de recepción de longametraxes a concurso para participar no 22 OUFF continúa aberto ata o próximo 4 de agosto. Nesta edición, manteranse as súas dúas seccións oficiais competitivas (Operas Primas e Competencia Iberoamericana) e, ademais, contarase cun aumento na dotación económica dos premios a entregar, que chegará ata os 30.000 euros. Repartiranse, deste xeito, os seguintes premios: Calpurnia á Mellor Película da Competencia Iberoamericana (10.000 euros), Premio "Carlos Velo" á Mellor dirección da Competencia Iberoamericana (5.000 euros), Calpurnia á Mellor Película da Competencia Operas Primas (10.000 euros) e Premio do Público á Mellor Película das dúas competencias (5.000 euros).

O equipo organizativo leva meses traballando para establecer novas liñas de colaboración e aumentar considerablemente as actividades paralelas previstas para esta edición. A falta de máis incorporacións no equipo que traballará nesta edición, o Festival de Cine Internacional de Ourense contará de novo con Fran Gayo como director, Analía G. Alonso como produtora executiva, Andrea Villa como responsable de comunicación, Betty Ogando como responsable de imaxe, incorporándose nesta vixésimo segunda edición Sika Lamas como coordinadora e Andrea Franco como asesora de programación.

Novas colaboracións e alianzas para esta edición


O OUFF, que organiza o Concello de Ourense, é cada vez un evento máis atractivo para distintas institucións, entidades e empresas, polo que cada vez son máis as que se suman ao proxecto. Polo de agora, e contando tamén con varias liñas de traballo e resolucións abertas, o OUFF conta coa Deputación de Ourense, AGADIC, SGAE, Estrella Galicia, Abanca, Gas Natural Fenosa, Gadis, El Corte Inglés, Vicerreitoría do Campus de Ourense da Uvigo, La Molinera, CGAI, Filmoteca Española e Filmoteca de Cantabria entre os seus patrocinadores e colaboradores.

O festival acaba de ser elixido nas últimas semanas como un dos proxectos estatais que serán apoiados por Acción Cultural Española, AC/E cunha cantidade de 4.940€. Esta é a primeira vez que o OUFF accede a este tipo de axuda que, sen dúbida, lexitima a súa nova liña de programación e axudará a traer ata Ourense a tres convidados profesionais do sector audiovisual internacional.