Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, presentou o programa de actividades do Nadal en Ourense: “Máis de 230 actividades que nos converten na capital galega do Nadal”, sinalou o alcalde ourensán. Foi no salón de plenos do Concello de Ourense acompañado dos concelleiros Jorge Pumar (Turismo e Termalismo e Promoción Ecomómica), Flora Moure (Comercio), Belén Iglesias (Educación e Cultura) e Sofía Godoy (Xuventude, Sanidade, Asuntos Sociais, Igualdade e Voluntariado) e da técnica de Comercio, Stella González.

Como xa é habitual neste mandato munipal, por terceiro ano consecutivo intensificáronse os esforzos de todas as concellerías e o Concello de Ourense artellou unha variada e atractiva programación de actividades para toda a familia e para todos os gustos.

“Atreveríame a dicir que ningunha cidade galega conta cun abano de actividades tan colorido, intenso e pensado para todos os públicos”, proclamou Jesús Vázquez, “serán máis de 230 actividades, durante pouco máis dun mes, no que Ourense brillará de novo con luz propia.

Arrincarán este venres, ás 19:15 horas, co tradicional acto de acendido do alumeado de Nadal, que terá lugar nesta Praza Maior, e que será amenizado polas voces da Capela Madrigalista. E ao día seguinte, o sábado, acenderase o alumeado especial na área termal das Burgas cun concerto posterior de Marem Ladson.

A meirande parte (máis de 150 actividades), como non podía ser doutro xeito, serán para os reis da casa: os máis cativos.

Haberá máis de 40 actividades musicais, entre as que se porá en marcha o I Certamen Interescolar de Panxoliñas da Cidade de Ourense, e nas que sobresairán os concertos do Ciclo Lírico e do Enclave de Cámara, que traerá de volta a casa a Cristina Pato e Nicholas Cords.

Mais a música tamén contará co compoñente solidario, como os xa tradicionais concertos no Espazo Lusquiños para recadar alimentos.

E, por suposto, a música achegarase a todos os barrios con concertos de rúa e nas igrexas

O Teatro, con ata 33 espectáculos, será outro dos eixos da programación de Nadal. Á tradicional MOTI que lidera Sarabela, un clásico do Nadal ourensán, engádeselle este ano unha serie de Visitas Teatralizadas que se porán en marcha con Tito Asorey e que serán presentadas o vindeiro luns. “Unha novidade que realza así ás dúas grandes compañías de referencia e prestixio da nosa cidade”, recalsou o alcalde.

Pero se falamos de prestixio, tampouco debemos esquecer que teremos en Ourense ao Ballet Nacional Ruso, que porá en escea “O Lago dos cisnes” e “A Bela Dormente”, dúas obras clásicas que farán as delicias dos amantes desta fermosa disciplina artística.

É importante salientar que só en actividades de animación de rúa hai 80 programadas:

Non faltará o gran evento multitudinario do Nadal en Ourense: o VideoMaping. Por terceiro ano consecutivo, este espectáculo de luz e cor brillará na Praza Maior, este ano con novidades que ampliarán a proxección do noso rincón máis emblemático. Será tres días (o 22 e 29 de decembro, e o 4 de xaneiro) con 2 pases, ás 20 e ás 21 horas.

O Deporte tamén terá un destacado protagonismo con máis de 25 actividades, tan singulares como a Cabalgata Acuática “Hai que mollarse!” do 21 de decembro, a San Silvestre do 31 de decembro ou o Trofeo Inaugural da Pista Cuberta de Atletismo.

A innovación virá da man, como non, de La Molinera, con videoconferencias con Papá Noel desde Laponia e o campamento tecnolóxico para que os máis cativos da casa vivan o Nadal como auténticos “Archimakers”.

E haberá un mercadillo de Nadal, especializado en antigüidades, o 17 de decembro durante todo o día, na Praza Maior, onde ademáis dos postos de venda, haberá ambientación musical durante toda a xornada.

Mais a gran novidade que pon en marcha o Concello este este ano ten un obxectivo claro: a dinamización do comercio local. “Somos ambiciosos, somos creativos e temos o convencemento de que temos o mellor comercio local de Galicia. Sabemos que somos a cidade perfecta para vir a facer as compras a Ourense, o gran centro comercial de Nadal”, dixo Jesús Vázquez.

“E non só pola calidade do noso comercio, senón porque mercar en Ourense terá premio: unha viaxe a DisneyLand Paris para unha familia e outra viaxe familiar ao Parque Warner, grazas á colaboración con Logitravel; estancias en Caldaria spas para 2 familias, cortesía de Caldaria; e ceas en restaurantes da cidade (A Tarazana, Taberna, A Feiriña, Pazo de Monterrei e Estación de Loman), coa cooperación coa Unión de Hosteleros Ourensanos”.

Así, desde o 4 de decembro ao 5 de xaneiro, por calquer compra de máis de 10 euros nun comercio da cidade, os ourensáns recibirán unha boliña (repartiranse 100.000 boliñas entre 1.500 establecementos comerciais e de hostelería da cidade) que poderán introducir cos seus datos no “Box” dos desexos que iremos instalando en todos os barrios da cidade. Un box, grazas á colaboración da empresa ourensá MyBoxExperience, que será tamén o rincón navideño ideal para inmortalizar con fotos. De entre todas esas boliñas, sortearanse os premios antes mencionados o próximo 8 de xaneiro ás 19 horas, no Salón de Plenos.

O box dos soños con luz propia estará na rúa Paseo, Río Mao, A Ponte, Barrocás, O Couto, San Francisco, Xardín do Posío e Ponte Vella.

E, ademáis, as nais e pais poderán levar aos máis cativos ao “Camión da Maxia”, un trailer que levará un innovador e sorprendente espectáculo de maxia e animación por todos os barrios da cidade. Daranse 5 pases diarios, cunha duración de 40 minutos, en Velle, Bispo Cesáreo, Barrocás, Mariñamansa, a Ponte, Seixalbo, A Carballeira, O Vinteún e O Couto.

“Levamos o Nadal a todos os barrios da cidade”, lembrou o alcalde, Jesús Vázquez.

Tamén impulsarase o Concurso de Escaparates, todo un clásico do Nadal ourensán, con diversos sorpresa como novidade e que se anunciarán en vindeiras datas. E, por último, repartiranse 15.000 bolsas de Nadal entre os comercios da cidade, co fin de dinamizar estas datas tan entrañables e fundamentais para o sector comercial.

O alcalde concluiu sinalando que “Ourense consolídase como Capital do Nadal en Galicia, cunha ampla e variada oferta de actividades culturais e de ocio para toda a familia en todos os barrios da cidade.

“Conseguimos a implicación do sector privado no apoio a esta campaña, e aquí quero agradecer a Abanca, Logitravel, Caldaria, a Unión de Hosteleros de Ourense, o Centro Comercial Ponte Vella e Viaqua a súa inestimable colaboración. Mais tamén á Xunta de Galicia, que a través da Dirección Xeral de Comercio e da Axencia de Turismo cooperan nesta campaña nunca antes vista en Ourense”.

“Mais non esquecemos que é unha oportunidade perfecta para proxectarnos como cidade ideal para facer compras, cun sector comercial de altísimo nivel e calidade contrastada”.

“O Concello, como non pode ser doutro xeito, mantén o seu esforzo no apoio ao sector comercial, á proxección turística da cidade e á consolidación de Ourense como destino perfecto para disfrutar do mellor Nadal de Galicia”.