Concello
Información de la organización y estructuración del Concello
Áreas
Información da división en áreas municipais que forman o Concello
Actualidad
Información de noticias, próximos eventos, notas de prensa...
Ciudadanía
Información referente ás vias de contacto co Concello e a posiblidade de transladar incidencias, sugerencias...
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
En xullo de 2009, aprobábase no pleno municipal unha modificación orzamentaria que incluía a compra do antigo edificio que albergaba o Colexio María Goretti, sito no núm. 26 da rúa Liberdade, por un importe de 425.000 €. O inmoble é un dos poucos pazos que aínda quedan no casco histórico da cidade e daquelas xa se manifestaba que sería idóneo adquirilo e redactar un proxecto de rehabilitación de certo nivel para uso municipal.
O obxectivo inicial do goberno de PSOE e BNG naquel momento era adquirilo para convertelo nun centro municipal de formación, xa que a oferta existente daquelas neste ámbito era exclusivamente o telecentro da rúa Progreso, as aulas de formación ocupacional do Campo da Feira e o Centro de Iniciativas Empresariais.
Anteriormente, en setembro de 2007, cando o edificio contaba xa coa declaración de ruína, a Policía Local tivera que proceder a desaloxar a 7 okupas, porque estaba a converterse nun perigoso refuxio para colectivos de gran vulnerabilidade social da cidade.
A historia da compra-venta do edificio, que dura xa máis dunha década, estivo marcada por dous factores fundamentais: os problemas de herdanzas e as accións xudiciais emprendidas polo grupo municipal de Democracia Ourensana contra aquel goberno municipal.
No ano 2010, o procedemento de adquisición do inmoble fíxose co visto bo de todos os técnicos municipais e paralizouse en primeira instancia por un problema habitual dos inmobles que se atopan no casco vello da nosa cidade: as herdanzas; que deu lugar a posteriori á anulación da compra-venta. Un dos herdeiros, como copropietario, solicitou que se procedese á extinción do acordo. O Concello acudiu aos tribunais para reclamarlle a súa parte, pero perdeu a demanda. O xulgado determinou que os vendedores, aos que se lle había pagado, carecían do dereito de propiedade e polo tanto facultades para a venta do edificio. Así pois, non era factible a división do inmoble mediante subasta pública por un motivo estritamente xurídico.
En marzo de 2015 viría a denuncia de Democracia Ourensana contra aquel goberno municipal de PSOE e BNG pola falida adquisición da Casa Goretti, na previa ás eleccións municipais de maio daquel ano.
Pasadas xa as eleccións, en xuño de 2015, a fiscalía pedía o arquivo e sobresemento da denuncia ao non considerar ningún indicio de delito na actuación dos membros da Xunta de Goberno Local que adoptaron o acordo para a súa compra. O arquivo definitivo da denuncia produciuse no ano 2016, cando xa gobernaba no Concello de Ourense o Partido Popular.
“Si estuviese yo en el gobierno, lo solucionaría en 7 días, pero con este Alcalde (Jesús Vázquez Abad) y el juzgado (explosiva combinación), la cosa puede tardar décadas y mientras sin los 420.000 €.”
No ano 2017, á espera da resolución xudicial e non sendo aínda o antigo inmoble titularidade municipal, o voceiro de Democracia Ourensana propoñía un acordo co herdeiro que no seu momento se quedou fóra do acordo de venta e denunciou o procedemento. Pérez Jácome dicía literalmente que “el equipo de gobierno del PP es indolente y nosotros sabemos que se puede solucionar esa situación, negociando con una de las partes, que no estaba incluída inicialmente en los vendedores, pero que es legítimo heredero”. O voceiro de DO engadía que habería que aboarlle a esa persoa 40.000 euros máis e adquirir a propiedade para non perder a inversión realizada ata aquel momento. Segundo o actual Alcalde de Ourense:
En outubro de 2019, xa baixo o mandato do bipartito de PP e DO, chegaba a sentenza que desestimaba anular a compra-venta da Casa Goretti adquirida no ano 2010 pola administración. O daquelas voceiro de DO, Miguel Caride manifestaba sobre a nova situación que “non sabemos que facer”.
O 15 de decembro de 2020, o actual rexedor propón comprar o Edificio María Goretti durante a Xunta de Área de Urbanismo, a requirimento dos concelleiros socialistas. A proposta, segundo os técnicos municipais, pasa pola expropiación da parte restante do edificio por parte do Concello de Ourense.
Pois ben, nós sempre defendemos que dado que o Concello de Ourense posúe o 95,17 % da Casa Goretti o conveniente sería adoptar as medidas necesarias para acadar o 4,83 % restante e adquirir definitivamente un inmoble singular para a súa rehabilitación, nunha aposta clara por revitalizar a zona sur do casco histórico da cidade.
Existe un precedente anterior ao respecto, o edificio municipal da Praza San Martiño (antiga policía local), que á chegada ao goberno en 2007 de PSOE e BNG rematouse ca súa obtención definitiva por parte do Concello, porque o 10% do mesmo estaba en mans privadas. Tamén é importante recordar que o inmoble da Casa Goretti, xa figura inscrito no Rexistro Municipal de Solares (posto en marcha polo anterior goberno bipartito) dende fai máis de 6 anos, co cal poderíase apelar á LOUGA, no seu artigo 190, e proceder a decretar a súa expropiación.
No momento actual as leis mudaron, pero é de relevancia a nivel municipal ter en conta para posibles actuacións neste inmoble, a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o seu regulamento, ademais dos artigos 337 e ss, en especial o artigo 338 sobre venda forzosa; ou tamén a máis recente, a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, os artigos 24 e seguintes e tamén o artigo 56, que trata sobre o mesmo. O único que faltaría é o consenso político e a vontade para conseguir converter este inmoble en ruínas nun novo equipamento útil para a nosa cidade.
Finalmente, consideramos que sería unha boa proposta, unha vez adquirida a parte pendente do inmoble do Antigo Colexio Maria Goretti, que o seu futuro uso se dedicara a servizos sociais, promoción da igualdade e á loita contra a violencia de xénero por parte do Concello de Ourense, ante a necesidade crecente de instalacións e persoal para o reforzo e potenciación destes servizos, no marco tamén da recuperación e activación do noso casco histórico.
A realidade é que a inacción política dos últimos anos fai que este inmoble sexa noticia nos últimos tempos, non pola súa axilidade na adquisición definitiva, nin polos seus futuros usos, senón pola invasión de maleza no seu interior e o seu abandono en pleno corazón da cidade.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista presenta neste Pleno, para a súa aprobación, as seguintes propostas de ACORDOS:
Emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular
EMENDA DE SUBSTITUCIÓN
TEXTO INICIAL :
1.-Instar ao Goberno Municipal a que adopte de maneira urxente todas as medidas necesarias para acadar que o antigo edificio do Colexio María Goretti pase a ser titularidade municipal ao 100%.
2.-Instar ao Goberno Municipal a que se compreta a redactar un proxecto de rehabilitación da Casa Goretti, no marco do futuro Plan Especial do Casco Histórico de Ourense, co fin de que sexa destinado o seu uso para fins sociais, de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero por parte do Concello de Ourense.
SUBSTITUCIÓN:
2.- Instar ao goberno municipal para que requira ao equipo redactor, no marco do futuro Plan Especial do centro histórico de Ourense, a que manteña a cualificación da Casa Goretti como equipamento dotacional público, que permita a posibilidade de posterior destino do mesmo a calquera dos usos públicos que se puidesen precisar, incluíndo o uso para fins sociais, de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero
NOVA REDACCIÓN FINAL:
O Pleno do Concello, por vinte e dous votos a favor do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de dona María Teresa Rodríguez Garrido, dona María del Mar Fernández Dibuja e don Laureano Bermejo Ansia, concelleiros non adscritos; e dúas abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a emenda.
En consecuencia, apróbase a moción coa redacción dada pola emenda presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular.
26/01/2022: Remitido acordo plenario a dona Sonia Ogando Vázquez. Recibido aviso de recepción o 27/01/2022.
17/03/2022: Recibido oficio da Área de Urbanismo, Vivenda e Patrimonio no que se informa de que o último acordo referente a esta moción tomouse na XGL do 17 de decembro de 2020. Tomouse o acordo de non exercitar a acción civil de resolución do contrato de compra-venda dos dereitos herditarios.
Documentos para descargar: