Concello
Información de la organización y estructuración del Concello
Áreas
Información da división en áreas municipais que forman o Concello
Actualidad
Información de noticias, próximos eventos, notas de prensa...
Ciudadanía
Información referente ás vias de contacto co Concello e a posiblidade de transladar incidencias, sugerencias...
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A participación cidadá é un piar fundamental nunha sociedade avanzada. Á marxe dos servizos e canles cos que conta a administración, a cidadanía tende a organizarse para a defensa dos seus intereses ou para a realización de determinadas actividades. En Ourense fai tempo que o movemento asociativo sofre a desidia, a falta de apoio ou incluso o desprezo do goberno local.
Dende 2015, non paran de incrementarse as carencias básicas na área de participación cidadá: en primeiro lugar, as axudas e subvencións, tanto as destinadas a espazos físicos, onde reunirse e desenrolar a labor veciñal, como as referidas ao desenvolvemento de actividades anuais, con trámites excesivos e coa tardanza na súa publicación e xestión.
Ao mencionado anteriormente debemos engadirlle a escaseza de medios humanos e materiais da concellería, desmantelada de persoal. Empezando por unha xefa de servizo que ten que compaxinar o seu labor con outras xefaturas, seguindo por vacantes sen cubrir como a de xefe de xestión ou a xefatura de negociado, e rematando con traballadores non substituídos ou baixas que non se cobren, reducindo, polo tanto, á mínima expresión, o número de empregados e impedindo o correcto funcionamento desta área.
As denuncias constantes do movemento veciñal pola nefasta xestión da concellería expuxéronse en pleno, onde se destacou a situación de "asfixia" polo retraso no pago de subvencións, chegando as entidades federadas ao extremo de pedir préstamos para poder continuar co seu labor. A maiores dos recursos escasos cos que contan estes colectivos, cómpre destacar os enormes problemas burocráticos cos que ano tras ano se atopan para a súa xestión e cobro.
Os convenios coa Agrupación Miño e Federación Limiar seguen sen asinarse na actualidade, a piques de rematar o presente ano, producíndose nos pasados exercicios situacións inexplicables como cobrar antes o convenio do 2020 que o do 2019 polos continuos retrasos e enredos burocráticos.
As subvencións xestiónanse ano tras ano a finais do exercicio, obrigando ás entidades a realizar o gasto sen saber se poden contar con axuda pública. É difícil de explicar a razón pola que non se varía esta dinámica e se publican as bases das subvencións a principios de cada ano, permitindo ás entidades veciñais unha correcta planificación económica e, á súa vez, evitando a perda de axudas como ten pasado nalgunha ocasión.
Outra cuestión que mostra a desidia do actual e dos últimos gobernos municipais nesta área é a situación na que se atopa o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá. Dende o ano 2016, e a iniciativa do noso grupo, levamos traballando na adaptación desta normativa á realidade actual, sen iniciarse aínda a día de hoxe os trámites para a reforma desta ordenanza, a pesares da máxima dispoñibilidade e colaboración dos grupos da oposición para chegar a acordos.
O PSOE rexistrou unha serie de propostas, nomeadamente a incorporación dunha serie de medidas que pretenden mellorar a transparencia, facilitar a participación na política municipal e achegar a administración a todos os veciños, simplificando trámites e investindo en melloras telemáticas.
Así, dende PSOE queriamos posibilitar que os grupos puideran ceder quenda na defensa das mocións a determinados colectivos, establecer a obriga do titular da concellería de Participación Cidadá para o mantemento dun encontro cos representantes das asociacións cando menos una vez por trimestre, ou que se publiquen as actas completas das xuntas de área.
Dende o grupo socialista propoñiamos a redución ata o 5% do número de sinaturas necesarias para elevar unha iniciativa popular, a creación de distritos, mellorar a web municipal, ou garantir unha comisión de seguimento con asociacións de veciños na xestión de orzamentos participativos, entre outras medidas.
É sorprendente que habendo consenso veciñal e político nas medidas expostas como nas expostas por outros grupos políticos e asociación veciñais, seis anos despois aínda non se produciran avances na tramitación do regulamento.
Outra cuestión destacable é a situación na que nos atopamos cos orzamentos participativos, onde apenas se produciron avances pola falta de valentía política dos xestores municipais.
No ano 2008, o goberno bipartito do Concello de Ourense apostou pola realización de obras que os veciños e veciñas demandasen. Neses anos traballouse en actuacións para pór en valor os barrios da cidade, as prazas, os parques, as áreas infantís, os accesos, os equipamentos, as estradas, o rebaixe de beirarrúas, ou a recuperación de camiños e as infraestruturas de diversa índole, favorecendo as aportacións e a participación cidadá na elaboración dos plans de inversións municipais.
Entre o 2015-2019, os socialistas aprobamos xunto ao goberno de Jesús Vázquez, un plan de obras de 12 millóns de euros coa participación dos colectivos veciñais de Ourense, suxerindo estas entidades actuacións concretas e demostrando o noso compromiso coa participación das asociacións de Ourense. Dende entón seguimos a esixir a existencia dun orzamento participativo dotado con recursos suficientes que faga protagonistas aos colectivos na vida política municipal.
As eivas expostas non son sorprendentes tendo en conta as continuas faltas de respecto dende a alcaldía ás asociacións de veciños e aos seus representantes. Durante o presente mandato asistimos a situacións esperpénticas, chegando a escoitar denuncias dos colectivos veciñais ao actual rexedor, a quen acusaron do carácter "totalitario" e manifestaban "estar cansos das manipulacións" e de aguantar os insultos de xeito continuado ás súas entidades.
Por todos estes motivos, dende o grupo municipal socialista solicitamos o fortalecemento da área de participación cidadá propoñendo os seguintes puntos de ACORDOS:
O Pleno do Concello, por vinte e tres votos a favor do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, do Grupo Municipal do Partido Popular, do Grupo Municipal de Ciudadanos, do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego e de dona María Teresa Rodríguez Garrido, dona María del Mar Fernández Dibuja, don Manuel Álvarez Fernández e don Laureano Bermejo Ansia, concelleiros non adscritos; e dúas abstencións do Grupo Municipal de Democracia Ourensana, adoptou o seguinte ACORDO: Aprobar a moción.
26/01/2022: Remitido acordo plenario a Gabinete de Alcaldía. Recibido aviso de recepción o 27/01/2022.
Documentos para descargar: