A cidade podería contar con outra zona para autocaravanistas, de carácter público, en función do rendemento da futura área de Reza

14 de outubro de 2021 - 13:16

A futura área, de xestión privada, é “unha situación na que gañamos todos”, di o rexedor: “eles teñen sitio para estacionar e non ocupan zonas turísticas no centro dos paseos fluviais”


...

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá na Alcaldía á directiva da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) para achegar posturas logo da polémica suscitada por unhas opinións do rexedor acerca deste tipo de turismo.

Foi un encontro cordial no que ambas partes procuraron puntos de encontro, e que apareceron coa inminente construción dunha área privada en Reza, e que se podería completar, en función da demanda, cunha outra área, desta vez pública. Para Pérez Jácome, a próxima área de autocaravanistas é “unha situación na que gañamos todos: por un lado, eles teñen sitio para estacionar mentres visitan Ourense; por outro lado, non ocupan zonas turísticas no centro dos paseos fluviais”, dixo ao remate da reunión: “Pasamos dun problema a un beneficio para todos”.

Manuel Fernández, presidente de AGA, manifestoulle ao alcalde o seu descontento coas malas prácticas “dunha minoría de caravanistas”, e amosou o seu optimismo ante a nova área de Reza. “O turismo de autocaravana medra”, afirma, “e achégalle riqueza á cidade”.

Noutra orde de asuntos, o rexedor valorou a posibilidade de realizar unha grande festa para o vindeiro Entroido na que se contaría coa presenza de 200 autocaravanistas de toda Galicia.