Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

Concello e Sergas asinan o convenio para a remodelación do Complexo Hospitalario, cun novo edificio de hospitalización e ambulatorio e a reforma do materno infantil

21 de decembro de 2021 - 15:33

O alcalde, Gonzalo Jácome, valorou moi positivamente a sinatura do acordo: “hoxe é un día de alegría porque se vai facer unha obra que é importante para a cidade e para a provincia” / O Concello achegará 5,2 millóns de euros para a execución do proxecto, que equivalen ao 10% do investimento total


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron esta mañá no salón de plenos o convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Ourense polo que se establecen as bases para a execución das obras da fase 1 da reprogramación funcional do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

O proxecto, que executará o Sergas, prevé a remodelación e mellora do complexo hospitalario de Ourense, coa construción dun novo edificio de hospitalización e ambulatorio e a reforma do materno infantil. O Concello colaborará significativamente na execución deste proxecto, realizando unha achega económica de 5.228.560,78 euros.

O conselleiro de Sanidade asegurou que, coa sinatura deste convenio, hoxe “é un día importante para o futuro da sanidade en Ourense”, subliñando que “este camiño na mellora da sanidade pública está en marcha e non o imos facer sós”, agradecendo a colaboración do Concello, que realizará unha achega económica que equivale ao 10% do custo total da actuación. A Xunta, avanzou, prevé adxudicar as obras este ano para que comecen a principios de 2022.

O conselleiro e o alcalde analizaron tamén nunha xuntanza de traballo outros proxectos no ámbito sanitario que a Xunta prevé acometer proximamente na cidade, coa colaboración do Concello, como un novo centro integral de saúde que substitutirá o actual Novoa Santos, cun investimento de 9 millóns de euros, cuxo inicio está previsto para 2022, ou un novo centro de saúde en Mariñamansa.

O alcalde, Gonzalo Jácome, valorou moi positivamente a sinatura do convenio: “hoxe é un día de alegría porque se vai facer unha obra que é importante para a cidade e para a provincia” na que, destacou, a Xunta “vai facer un investimento considerable, e o Concello achegará o 10%”