Responsive image 29-06-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O alcalde lamenta o escaso protagonismo outorgado pola Xunta de Galicia á chegada da alta velocidade a Ourense na feira de turismo Fitur

21 de xaneiro de 2022 - 12:31

“É triste que o ano da chegada do AVE a Galicia, o leitmotiv do stand da Xunta fose outra vez Santiago de Compostela”, asegura Pérez Jácome


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome lamentou esta mañá o escaso protagonismo outorgado á chegada do AVE á cidade de Ourense por parte da Xunta de Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022 que se desenvolve en Madrid. Pérez Jácome considera “intolerable” que a Xunta non fixese fincapé nun feito diferencial e histórico, como é a entrada en servizo desta nova infrestrutura, que deixa a cidade a pouco máis de 2 horas de Madrid, como primeira e única parada do AVE en Galicia.

“É triste que o ano da chegada do AVE a Galicia, o leitmotiv do stand da Xunta de Galicia en Fitur fose outra vez Santiago de Compostela”, asegurou Pérez Jácome, quen discrepa de que no expositor da comunidade autónoma na feira de turismo, non houbese “practicamente ningunha mención da chegada do tren de alta velocidade”.

A este respecto, explica o rexedor: “paréceme inaudito e intolerable que a Xunta de Galicia cando monta un stand en Fitur para promocionar Galicia non faga ningunha reseña ou notoriedade especial á chegada do AVE, e o que isto supón para Ourense. Séguese centrando no Xacobeo, no Camiño de Santiago e en Compostela. É dicir, todo para os máis ricos”, lamenta Pérez Jácome, quen conclúe que “sentimos unha discriminación absoluta da Xunta de Galicia”

Gonzalo Jácome participou onte na presentación da oferta turística da cidade en Fitur, poñendo en valor Ourense como “a escapada galega”, para aproveitar o novo escenario que abre o AVE para Ourense como destino turístico, apoiado en recursos como a gastronomía, o Entroido, o patrimonio histórico artístico. “Ourense é a cidade sorpresa. Non é a cidade máis famosa, pero sí a que máis sorprende, e o AVE é a nosa grande oportunidade”, asegurou.