O acendido das luces de Nadal buscará darlle visibilidade á problemática das persoas con trastorno do espectro autista

25 de novembro de 2021 - 09:37

Un mozo do Colexio de Educación Especial O Pino será o encargado de acender a iluminación festiva o próximo día 3, en vésperas da ponte de decembro


Imagen de noticia

O acto de acendido das luces de Nadal da cidade de Ourense terá este ano como protagonista a un mozo estudiante do colexio de Educación Especial O Pino, que será o encargado de poñer en marcha a iluminación festiva o día 3 de decembro. O Concello de Ourense convidouno a ser quen acenda as luces para contribuír a que esta celebración axude a darlle visibilidade entre a poboación á problemática que teñen que afrontar as persoas que padecen trastorno do espectro autista.

O TEA é un trastorno de orixe neurobiolóxica que afecta a configuración do sistema nervioso e ao funcionamento cerebral, dando lugar a dificultades en dúas áreas principalmente: a comunicación e a interacción social e a flexibilidade do pensamento e da conduta. Estímase que teñen este trastorno 7 millóns de persoas en Europa e máis de 450.000 en España.

O acendido das luces será o venres, día 3 de decembro, en vésperas da ponte festiva do mes de decembro (o 6 de decembro celébrase o día da Constitución e o 8 o da Inmaculada), coa finalidade de contribuír a embelecer e dinamizar as rúas da cidade, e estimular a actividade do comercio local de Ourense.