Responsive image 09-08-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O alcalde fixa o novo servizo de autobuses de alta frecuencia, as ramplas mecánicas nos barrios e o Parque de Canedo como principais obxectivos para 2022

10 de xaneiro de 2022 - 15:12

Para a celebración do Entroido, o alcalde mantén o “Plan A”, coa confianza de que a pandemia remita e non aumenten as restricións. Haberá, dixo, 4 grandes orquestras, carpas para actividades, gran desfile e unha zona de Entroido Infantil


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, avanzou esta mañá en rolda de prensa os principais obxectivos e liñas de actuación do goberno municipal para o ano 2022. Jácome afronta o ano con tres grandes retos: implantar o servizo de autobuses de alta frecuencia, “que será o mellor de España” e “transformará a mobilidade da cidade”; as ramplas mecánicas en diferentes barrios da cidade, comezando con rúa da Concordia, Complexo Cultural de San Francisco e A Cruz Alta, e a construción do Parque de Canedo “que será o mellor da cidade”, con 18.000 metros cadrados de superficie, piscinas e un aparcamento de baixo custo, “que revitalizarán a zona”.

Pérez Jácome tamén destacou que o Concello porá en marcha este ano o sistema de control de horario do seu persoal e incorporará novos bombeiros e policías locais, para poñerlle fin ao déficit destes dous servizos. Tamén se licitarán os contratos para adxudicar os servizos de limpeza urbana e recollida de residuos, o de xestión do servizo de autobuses urbanos, e a explotación da Praza de Abastos da Ponte, mentres rematan as obras da Praza número 1. Tamén se levará a cabo a adquisición de novos contenedores de recollida de residuos, entre os que se inclúe 500 illas que incorporarán a denominada quinta fracción.

En marzo prevé iniciar as obras de renovación da rúa da Concordia, que agarda que poida estar rematada en decembro. Tamén traballa o Concello nos proxectos de construción de aparcamentos de baixo custo na rúa Dalí (barrio do Couto) e na rúa Pena Trevinca. Outra importante actuación será o proxecto do parque acuático termal que se construirá no antigo matadeiro. A este respecto, Jácome tamén incidiu a necesidade de reabrir as termas: “non vou esperar máis neste tema”, dixo.

Pérez Jácome avanzou a execución dun novo plan de axudas para reactivar a economía local cunha achega de 10 millóns de euros, e congratulouse de que a Xunta de Galicia constrúa unha nova sede no barrio das Lagoas, cuxa idea reivindicou o rexedor, ao tempo que animou á administración autonómica a adquirir máis terreos para que esa zona acolla tamén novos edificios que precisa a Universidade de Vigo. O Concello dará facilidades para este desenvolvemento urbanístico, promoverá nesta contorna un aparcamento de baixo custo e incluirá alí unha parada da futura nova rede troncal de autobuses urbanos.

“Un grande ano”, asegura o rexedor

“Cremos que vai ser un grande ano porque vai deixar definido case todo. Ourense está en marcha por fin”, asegurou Pérez Jácome, quen sostén que desde o Concello “estamos facendo temas que facía máis de 10 anos que eran só soños” polo que, asegurou: “Estamos a anos luz do que fixeron anteriores alcaldes durante os últimos 12 anos”.

Programación festiva

Gonzalo Jácome subliñou a liña “totalmente ascendente” das celebracións festivas da cidade, en alusión á Noite do Medo, o Magosto e o Nadal: “foron as mellores navidades da historia”. Tamén destacou o éxito de público das actividades do Auditorio Municipal, un espazo -dixo- “que recuperamos para os cidadáns”. “Jácome acaba coa cultura das butacas vacías. Nós apostamos poloa arte e os festexos coas butacas cheas”, asegurou.

O próximos obxectivos do goberno municipal neste eido serán potenciar a celebración das próximas citas: o Entroido e as Festas de Ourense. “As festas de Ourense perderon moitísima forza nos últimos anos e imos revitalizalas coma se fose un raio laser, concentrándoas”, explicou o alcalde: “Serán 4 ou 5 días cunhas grandes festas e non 9 ou 10 días cunhas festas irrelevantes para Galicia. Queremos algo que teña presencia e sexa bo”, para ampliar as festas “en diversión e difusión”.

Para a celebración do Entroido, o alcalde mantén o “Plan A”, coa confianza de que a pandemia remita e non aumenten as restricións. Haberá, dixo, 4 grandes orquestras, carpas para actividades, gran desfile, unha zona de Entroido Infantil con carpas durante os 4 días, un desfile infantil o venres de Entroido, amais do Enterro da Sardiña. Unhas festas nas que confía en “manter chea a Praza Maior desde o sábado até o martes de Entroido, como fixemos en 2020”. Ademais, avanzou que unha artista nacional actuará no auditorio o sábado seguinte á celebración do Entroido.