Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O alcalde pon en valor en Fitur o potencial turístico da cidade: “Ourense é a cidade sorpresa e o AVE é a nosa grande oportunidade”

20 de xaneiro de 2022 - 17:09

Pérez Jácome confía en que a nova infraestrutura contribúa a promocionar Ourense como “a escapada galega”, apoiada en recursos como a gastronomía, o Entroido ou o patrimonio


Imagen de noticia

Ourense é a cidade sorpresa e o AVE é a nosa grande oportunidade”, asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, este mediodía na presentación de Ourense na Feira Internacional de Turismo, Fitur. O alcalde destacou as “excelencias” da oferta turística da cidade nun contexto histórico: “este é o primeiro ano que temos AVE e esperamos que sexa un punto de partida cara arriba”, afirmou.

Pérez Jácome puxo en valor que Ourense é a primeira e a única parada do tren de alta velocidade en Galicia, polo que esta nova infraestrutura, que deixa a cidade a apenas 2 horas e 15 minutos de Madrid, pode contribuír decisivamente a atraer visitantes procedentes de Madrid e Castela como destino perfecto para desfrutar duns días de lecer.

Ourense é a escapada galega, isto é o que queremos promocionar, explicou o alcalde, quen incidiu no potencial de recursos turísticos como a gastronomía, o Entroido: “o mellor de todo o Norte de España”, que se celebrará a finais do mes de febreiro, a Ribeira Sacra, tan próxima á cidade, o patrimonio histórico e artístico, lembrando que Ourense é a segunda provincia de España en arte románico, ou a riqueza termal. “Ourense é a cidade sorpresa. Non é a cidade máis famosa, pero sí a que máis sorprende, e o AVE é a nosa grande oportunidade”, concluiu o rexedor

Ourense, corazón do Camiño”

Gonzalo Jácome realizou estas declaracións este mediodía na presentación da campaña do Concello para potenciar a cidade como destino turístico: “Ourense, corazón do Camiño”, no que tamén participaron a concelleira de Turismo, Flora Moure e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Ourense, corazón do Camiño”, invita a redescubrir a cidade logo da peregrinación a Compostela. “Por que non empezar aquí o Camiño? Por que non volver e descubrir aquilo que nos gustou, onde nos sentimos ben? Este é o fío condutor de “Ourense, corazón do Camiño”, a nosa proposta turística da cidade”, sinalou a concelleira de Turismo Flora Moure, durante a presentación.

Así, Flora Moure, na súa intervención, explicou que o turista/peregrino que chega a Ourense “descobre unha cidade de marcado carácter medieval e arquitectura singular da que namorarse. Recíbeo no núcleo de Seixalbo para logo penetrarse ao centro histórico a través do Xardín do Posío e a Igrexa da Trindade, visitar As Burgas, a súa Praza Maior e por suposto, a Catedral de San Martiño, parada obrigada: un templo románico tardío que comparte co de Santiago de Compostela, o seu carácter de igrexa de peregrinación, co seu pórtico do Paraíso que continúa deixándonos coa boca aberta pola súa beleza e profusión de cor”.

A concelleira de Turismo explicou tamén que “non podemos esquecer que a arte románico, estilo paradigma da Idade Media, deixounos un legado artístico como poucos: Ourense é a provincia que máis e mellores mostras atesoura (que dicir dos mosteiros da Ribeira Sacra). A cidade tamén participa deste tesouro, cun roteiro do románico que, ademais da Catedral recolle lugares como o antigo Palacio Episcopal, xunto á Praza Maior ou o Claustro de San Francisco; ademais de todo un conxunto de pequenos templos no noso perímetro rural, recunchos aínda moi descoñecidos por explorar e onde patrimonio arquitectónico e natureza fúndense á perfección”.

A conexión co Camiño é real e innegable e como tal debe ser comunicada, explicada e promovida neste ano xacobeo prolongado. E Ourense encaixa á perfección co que están a demandar os novos viaxeiros da era post- COVID: destinos tranquilos e de calidade, moi conectados coa natureza e provedor de experiencias de valor polo seu patrimonio e a súa gastronomía, destino comprometido co benestar e o descanso… Ourense tense reiventado e por iso ofrece o mellor lugar de relax de Galicia”, proclamou Flora Moure.

Ourense fai tamén gala da súa gastronomía, unha cociña de mercado onde todo o protagonismo recae sobre o produto: verduras, pans, queixos, cogomelos.viño--. Sen estenderme, sei que a cociña ourensá aínda ten moito que dicir no panorama nacional, non me cabe dúbida, e sei que os nosos profesionais abordan este período con ilusión e ganas.

A proposta do Concello de Ourense manifesta que neste novo marco post-pandemia van ser os espazos ao aire libre, as contornas de natureza, os que maior capacidade de atracción demostren, e nese aspecto, Galicia e o Camiño de Santiago son unha aposta afortunada. En Ourense, os trazados xacobeos seguen o curso dos ríos que atravesan a cidade, descubrindo máis de 20 km de sendas fluviais perfectas para a práctica de deporte e as actividades ao aire libre. “Tamén estes espazos naturais, as ribeiras do río Miño concentran boa parte da oferta termal que deron fama a Ourense e sobre as que fixemos pivotar nosa estratexia turística nos últimos anos. O termalismo ourensán sairá reforzado desta transición, mellorando e ordenando os servizos prestados, ofrece ndo mellores equipamentos e unha experiencia de maior calidade para os nosos bañistas. Porque as mellores augas termais de Europa están en Ourense, e traballamos para ofrecelas coas maiores garantias de seguridade e calidade”, explicou a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure.

Ourense pode estar satisfeita de pechar o 2021 cuns resultados foron máis que positivos, chegando a superar en xullo e agosto as cifras de visitantes pre-pandemia. Isto fai que miremos ao futuro con optimismo, seguros de que Ourense continuará sendo un destino atractivo para este turismo que vén, esta actividade que comeza a desperezarse. A coxuntura non é a ideal, pero para Galicia en xeral e Ourense en particular, leste é un momento de oportunidades, con esa extensión do Xacobeo a 2022 e a recente conexión de Alta Velocidade con Madrid, que nos sitúa a pouco máis de dúas horas da capital” explicou Moure, quen concluiu a súa intervención manifestando que: “Confío en que Ourense afronte este período mantendo e coidando a súa identidade de destino e colaborando ademais co resto de axentes da provincia como son o Inorde, a Deputación ou Expourense, para exercer o seu papel de capitalidade, de lanzadeira desde a que descubrir un territorio con inmenso potencial. Todos xuntos, coa cooperación institucional como bandeira, lograremos o obxectivo”.