Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O alcalde presentará Ourense como destino turístico nesta edición de Fitur para aproveitar o novo escenario que abre a chegada do AVE

19 de xaneiro de 2022 - 15:04

Gonzalo Jácome participará na presentación da campaña do Concello de Ourense: “Ourense, corazón do Camiño”


Imagen de noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome desprazarase mañá a Madrid para participar na presentación da campaña do Concello de Ourense para potenciar a cidade como destino turístico: “Ourense, corazón do Camiño” no marco da feira de turismo Fitur.

O rexedor viaxa coa finalidade de darlle un pulo á promoción de Ourense como destino turístico no novo escenario de oportunidades que lle abre a cidade a chegada do tren de alta velocidade. Este feito diferencial é precisamente o motivo polo que o alcalde entende que esta edición da feira, primeira trala chegada da nova infraestrutura, sí pode constituír unha oportunidade interesante para promocionar a cidade, a diferencia da edición do ano pasado, que estivo marcada ademais polas restricións derivadas da pandemia da COVID-19.

Pérez Jácome intervirá ás 15:00 horas, na presentación da campaña de promoción turística deseñada polo Concello para potenciar a cidade como destino turístico: “Ourense, corazón do Camiño”, que se desenvolverá no expositor da Axencia de Turismo de Galicia: Pavillón 9, parcela 9C07.9C09, pola porta norte. No acto participarán a concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, que realizará a primeira intervención, logo proxectarase o vídeo “Ourense, corazón do camiño”, e a continuación intervirán no acto o alcalde de Ourense e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O alcalde porá de manifesto o valor engadido que a cidade de Ourense acada como destino turístico grazas á nova infraestrutura, que lle permite achegar a un público moi amplo os seus recursos turísticos, entre os que salienta polo seu potencial o Entroido de Ourense.

Previamente o rexedor visitará as instalacións dunha fábrica de robótica en Madrid e aproveitará a visita á capital de España para manter diferentes encontros institucionais.