O alcalde recibe a asociación de hostalería ARHOU

13 de agosto de 2021 - 12:59

O Concello ultima unha ordenanza de veladores “áxil, fácil e permisiva, sen causarlle dano á veciñanza nin aos viandantes”, e escoitará as achegas do sector


...

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome recibiu esta mañá no Concello a Asociación de Hostelería e Restauración de Ourense (ARHOU), para coñecer as inquedanzas deste sector, fortemente afectado polas consecuencias da pandemia da COVID-19, e estudar vías de apoio para axudalos na actividade que desenvolve na cidade.

O alcalde avanzou a vontade de darlle resposta á demanda do sector, que pide que o Concello se prepare para evitar a práctica do botellón a partir do mes de setembro, tanto por motivos sanitarios como pola repercusión que puidese ter no sector, xa que preocupa ao empresariado que un aumento de casos de COVID ocasionado por este fenómeno acabase por dar lugar a máis restricións á hostalería local, por algo do que non é responsable. “A Policía ten que estar atenta”, avanzou o rexedor.

Os hostaleiros tamén expresaron a súa disconformidade con que a actual normativa ditada pola Xunta na cidade estableza as mesmas restricións de aforo (o 50%) para a hostalería en exteriores que en interiores, onde hai máis risco potencial.

O alcalde informou dos pasos da elaboración da nova ordenanza de veladores, unha das principais preocupacións do sector: “estamos pulíndoa e imos contar con eles para consellos que nos den, e queremos que sexa moi áxil e fácil e permisiva, sempre sen causar danos nos dereitos da veciñanza e dos viandantes por conflito de intereses”. Tamén lles expresou a disposición do Concello a estudar algunha medida excepcional para que poidan ter operativas terrazas en espazos actualmente dedicados a prazas de aparcamento.