Responsive image 29-06-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello centraliza as donacións e traballo voluntario no Centro de Recollida e Axuda a Ucraína da rúa Vasco da Ponte

18 de marzo de 2022 - 13:35

Empresas, organismos, institucións e particulares visitaron hoxe este centro municipal no que traballan diariamente 64 voluntarios particulares xunto con Protección Civil na clasificación, selección, empaquetado e preparación para o envío do material recibido ao centro loxístico da Deputación


Imagen de noticia

Empresas, organismos, institucións e particulares visitaron hoxe o Centro Municipal de Recollida e Axuda a Ucraína que o Concello de Ourense instalou na ludoteca de Vasco da Ponte e no que traballan diariamente 64 voluntarios particulares xunto con Protección Civil na clasificación, selección, empaquetado e preparación para o envío do material recibido ao centro loxístico da Deputación, froito da cooperación institucional existente co Concello de Ourense.

A concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, explicou que esta iniciativa xurdiu o día 2 de marzo, “cando AGA Ucraína púxoseen contacto connosco para explicarnos o seu proxecto e decidimos colaborar con eles, primeiro con puntos de recollida nos centros cívicos e poñendo á súa disposición a todo o equipo de Protección Civil deste Concello. Pero en apenas dous días, e vendo a enorme solidariedade da cidadanía ,comprendimos que tiñamos que crear unha oficina e un punto como este”.

No Centro Municipal de Recollida e Axuda a Ucraína recíbense doazóns e centralízanse as que se recollen polos diferentes puntos do municipio. Críbase selecciónase, clasifícase e empaquétase en caixas perfectamente identificadas. “Este é un traballo intenso que non se podería levar a cabo sen os voluntarios, membros de Protección Civil e 64 persoas anónimas que deciden dedicar o seu tempo libre de forma voluntaria a esta axuda humanitaria. A todos eles, o noso recoñecemento”, sinalou Eugenia Díaz Abella.

A concelleira de Servizos Sociais quixo recoñecer e agradecer a empresas e entidades que colaboron este proxecto de diversas maneiras: Afundación Abanca, Caixabank, Grupo Cuevas, Stellantis & You (Peugeot Ourense), Coca Cola, Federación Limiar, os colexios Concepción Arenal, Maristas, Guillelme Brown, Franciscanas, San Pío X (tanto o colexio, como a parroquia), así como entidades deportivas como o Velle, Pavillón, Xuventude, Cidade de As Burgas e Unión Deportiva Ourense. A todas elas, e a Protección Civil, o agradecemento foi sentido cun aplauso na visita de hoxe.

E ante unha guerra como a que estamos a vivir, e a tremenda crise humanitaria só cabe unha cooperación institucional, neste caso entre o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense (representada na visita pola súa deputada Luz Doporto) traballamos xuntos e coordinadas para este fin”, sinalou Díaz Abella. “Destas instalacións saíron xa preto de 2500 caixas que se atopan almacenadas e paletizadas na nave da Deputación. Polo tanto o meu agradecemento máis sincero, en nome do Concello de Ourense, a todas as persoas, entidades, organismos, empresas e colectivos que colaboraron, colaboran e seguen colaborando, achegando o seu granito de area, para axudar desde a nosa cidade ao pobo de Ucraína. Todos xuntos, demostramos a grandeza humana de Ourense”.

Díaz Abella tamén anunciou que o luns está previsto o envío dun camión cara unha cidade de Ucrania que estará cheo do material recopilado neste días no Centro de Recollida e Axuda a Ucraína, xestionado pola AGA Ucraína e financiado por Afundación Abanca. O tenente de alcalde, Armando Ojea, manifestou pola súa banda, o seu desexo de que este envío humanitario non se vexa afectado pola folga de transporte e recalcou que o Concello continuará traballando nesta liña. E recalcou “a necesidade de que o Goberno central actúe para establecer mellores mecanismos de axuda en coordinación coas administracións”.