O Concello completa o tapiado do edificio da rúa Pizarro do que foi preciso evacuar un mozo a madrugada de Reis

8 de xaneiro de 2022 - 14:04

As concellerías de Seguridade Cidadá e Urbanismo estreitan a colaboración para evitar que se poidan repetir situacións similares no futuro


Imagen de noticia

O Concello de Ourense, nunha actuación coordinada polas concellerías de Urbanismo e Seguridade Cidadá, completou na tarde de onte os traballos de tapiado do edificio en ruínas da rúa Pizarro, do que tivo que ser evacuado na madrugada de Reis un mozo coa intervención da Policía Local, a Nacional, os Bombeiros e o 061.

Dada a situación de risco para a seguridade que representaba este inmoble polo seu mal estado de conservación, o Concello contratou a execución de traballos de tapiado, encargándolle a unha empresa a súa inmediata realización. Para esta intervención, foi preciso desaloxar previamente do inmoble a varias persoas que accederan ao seu interior coa intención de ocupalo, malia o risco que isto lles podería supoñer.

As concellerías de Seguridade Cidadá, que dirixe Telmo Ucha, e Urbanismo, que dirixe Sonia Ogando estreitarán a colaboración para evitar que incidentes como o ocurrido esta semana poidan repetirse no futuro. “Imos en serio, e estreitaremos a colaboración entre as dúas concellerías porque entendemos que é necesario facelo, e interviremos de forma preventiva naqueles espazos onde sexa preciso para evitar situacións de risco para a seguridade das persoas”. Esta colaboración, explica Telmo Ucha, extenderase tamén a outras áreas municipais, como a de Comercio, neste caso para intervir nas ocupacións de vía pública non autorizadas que se produzan nas rúas, prazas e outros espazos da cidade.

 

Intervención con alto grao de colaboración e coordinación

A intervención de auxilio na rúa Pizarro, número 10 produciuse sobre as 03:20 horas do día 6 de xaneiro de 2022. Cando axentes da Policía Local realizaban o control de cumprimento de horario de peche de establecementos de lecer nocturno, foron requiridos ao lugar xa que ao dito inmoble accedera un mozo que, tras ceder parte do piso, estaba en risco de precipitarse desde o segundo piso. Desprazados ao lugar, comunícanlle á central a situación e solicitan que se comisione unha dotación de bombeiros e unha ambulancia, xa que o mozo se atopaba de costas cara a unha caída libre duns 4 metros e era imposible liberalo xa que estaba atascado polas súas pernas.

A intervención requiriu a colaboración e coordinación de efectivos de Policía Local, Bombeiros, Policía Nacional e 061. Tras colocar unha escada de man no interior do inmoble, se logrou liberar e evacuar a persoa que estaba sendo asistida por axentes de policía para evitar que caese ao vacío, e foi trasladada polo 061 ao Complexo Hospitalario de Ourense