O Concello contratará un centro especial de emprego para os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos

16 de setembro de 2021 - 10:55

O contrato abrangue unha superficie total de actuación de 267.000 m2, entre os que salientan as pola súa dimensión as ribeiras dos ríos. Dividido en dous lotes, o orzamento de licitación será de preto de 54.000 euros para dúas anualidades.


...

O Concello de Ourense contratará un centro especial de emprego os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos da cidade. O contrato estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción nos termos previstos na disposición adicional cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Estes traballos realízanse todos os anos e son moi reclamados pola cidadanía por diferentes vías. Ata o de agora se facían por parte de brigadas municipais co reforzo de empresas do sector. O Concello opta por licitar o servizo, a través dun contrato pioneiro, reservado a centros especiais de emprego e de iniciativa social para empresas de inserción. O contrato abrangue unha superficie total de actuación de 267.000 m2, entre os que salientan as pola súa dimensión as ribeiras dos ríos da cidade.

Dividido en dous lotes, o orzamento de licitación será de 31.402,73 euros para 2021 e de 22.430,52 euros para o ano 2022.

A xunta de goberno local do Concello de Ourense celebrada esta mañá deu conta, ademais deste, doutros 15 asuntos na orde do día.

Avogacía consistorial (7). O Concello deberá presentarse, como demandado, en seis procedementos xudiciais: os interpostos contra a desestimación da reclamación de responsabilidade patrimonial por unha caída na rúa -pide 7.431 euros-; contra a reclamación polos danos causados nun farol de alumeado -pide 2.066 euros-; polos danos nun vehículo polas filtracións de auga nun garaxe da avenida de Marín -pide 1.297 euros-; contra a suspensión dunha reclamación patrimonial polas filtracións de auga neses mesmos garaxes -polas que solicitan 33.075 euros-; polos danos nunha ferretería por mor dunha treboada que causou inundacións por importe de 768 euros; e polos danos causados nun vehículo por un colector de lixo na rúa Emilia Pardo Bazán -piden 530 euros-.

O servizo de Patrimonio remitiu, ademais, un expediente administrativo para reclamar xudicialmente 1.315 euros en concepto de danos a unha árbore na rúa do Paseo.

Licenzas (2). Concedéronse licenzas para a reforma dun portal e para a substitución do seu ascensor nun edificio da rúa Ribeira de Canedo, e para o proxecto de construción e instalación dunha estación de servizo na rúa de Marcelo Macías.

Aperturas (2). Concédense licenzas de obra para adecuar un local na rúa do Progreso para clínica dental e para o acondicionamento dun local para cafetería na rúa de Francisco de Moure.

Patrimonio (2). Por unha banda, o Concello considera unha persoa desistida da súa reclamación de responsabilidade patrimonial ao non reunir os requisitos legalmente esixibles e non atender os requirimentos da administración para completala; por outra banda, o Concello solicitaralle a un particular a que aboe 1.501,32 euros en concepto de indemnización polos danos causados nun poste eléctrico na rúa Santomé polo seu vehículo.

Contratación (2)Ademais do contrato para os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos da cidade, aprobouse o contrato para a subministración e instalación de equipos informáticos do Concello, por un importe de 462.825 euros (IVE incluído).

Persoal e Recursos Humanos (1). Aprobouse a cobertura excepcional para o servizo de extinción de incendios do verán 2021, establecendo un sistema de reforzos presenciais e en réxime de liquidación que se retribuirán de conformidade co disposto no mesmo.

A retribución dos traballos extraordinarios como consecuencia das gardas localizadas será o seguinte: cada 4 horas en réxime de localización serán retribuídas co importe dunha hora extraordinaria de presenza física; é dicir, o prezo da hora de localización equivale a un 25 % do prezo da hora extraordinaria”. Este acordo estenderase, retroactivamente, do 1 de xullo de 2021 até o 30 de setembro.