Responsive image 29-06-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello de Ourense colabora coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína

4 de marzo de 2022 - 11:41

A concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, fai un chamamento á solidariedade da veciñanza ourensá, “porque a poboación de Ucraína merece toda axuda que lle poidamos brindar”


Imagen de noticia

O Concello de Ourense colabora coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína para enviar artigos de primeira necesidade ao pais que está a sufrir unha guerra por mor da invasión de Rusia.

A concelleira de Servizos Sociais, Eugenia Díaz Abella, fai un chamamento á solidariedade da veciñanza ourensá, “porque a poboación de Ucraína merece toda axuda que lle poidamos brindar”.

Froito desta colaboración coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, establécense puntos de recollida nos Centros Cívicos  do Concello de Ourense e tamén na Agrupación de Protección Civil, coa fin de recadar alimentos non perecedoiros, roupa (sobre todo térmica), medicinas, artigos de hixiene persoal, kits de costura, e elementos de supervivencia que poidan servir para axudar á poboación civil nestes duros momentos.

Entidades deportivas como a Unión Deportiva Ourense, Ourense CF, Barbadás, Pavillón, Cidade das Burgas, Xuventude e Velle, entre outras, tamén colaborarán establecendo puntos de recollida nos días de partido. Tamén colaboran nesta iniciativa as Anpas de colexios concertados da cidade.

Eugenia Díaz Abella destaca “a solidariedade inmensa que está amosar a sociedade ourensá, pois cada día se unen máis colectivos, negocios privados e organismos a esta iniciativa de axuda a Ucraína”.