O Concello levará a cabo programación no Auditorio pero non apoiará a MOTI nin a MITEU “pola baixa afluencia de público”

25 de novembro de 2021 - 14:28

O goberno local é partidario de elaborar unha programación propia de actividades culturais para o espazo municipal


Imagen de noticia

O Concello de Ourense levará a cabo programación propia no Auditorio Municipal e porá o recinto á disposición daquelas compañías profesionais que desexen actuar en Ourense a cambio dos ingresos que obteñan pola venda de entradas. Non apoiará as próximas edicións da MOTI (Mostra de Teatro Infantil de Ourense) nin a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario) debido “á baixa afluencia de público destas dúas mostras nas súas últimas edicións”, asegura o goberno municipal.

O goberno local é partidario de elaborar unha programación propia de actividades culturais para o espazo municipal, á que se unirán os espectáculos de compañías profesionais que desexen representar as súas obras en Ourense que veñan a taquilla, buscando unha alta afluencia de público nas diferentes actividades que se leven a cabo. “Queremos encher o Auditorio”, aseguran.

No caso da MOTI, ademais, un informe xurídico puxo de manifesto reparos á participación do Concello nesta actividade ao entender que podería tratarse dunha “subvención encuberta”, que non sería unha fórmula axeitada para o seu financiamento.