O Concello licitará unha zona de terrazas de hostalaría con vistas ao río Miño para dinamizar a zona do Ribeiriño

6 de setembro de 2021 - 12:30

O goberno municipal pretende poñer en valor e potenciar este privilexiado espazo de lecer que se estende entre ambas pontes na marxe dereita do río, próximo ao paseo fluvial


...

O Concello de Ourense licitará un novo espazo para terrazas de hostalaría con vistas ao río Miño no tramo comprendido entre a Ponte Vella e do Milenio, nas proximidades da rúa Ribeiriño.

Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende poñer en valor e potenciar este privilexiado espazo de lecer que se estende entre ambas pontes na marxe dereita do río, próximo ao paseo fluvial, e que está dotado con fermosas vistas da ponte vella, do leito do río e da propia cidade.

O obxectivo desta iniciatiba é incorporar unha nova oferta de lecer para a cidadanía e visitantes da cidade ao tempo que xerar unha actividade económica no sector da hostalaría e crear un polo de atracción nesta zona da cidade. A intención do goberno municipal é licitar este espazo para que empresas ou persoas autónomas podan presentar as súas ofertas e facerse cargo da xestión do novo espazo de actividade hostaleira.