O Concello presenta a súa oferta educativa para o curso 21-22, chea de actividades relacionadas co medio e coa contorna

14 de outubro de 2021 - 13:23

O espazo web www.educacionourense.es, no que se presentan as actividades propostas aos colexios, permanecerá aberta ás achegas da comuinidade educativa


...

O Concello presentou esta mañá a súa programación educativa para o curso 2021-2022, que inclúe actividades de continuidade e outras completamente novas, caso do Xadrez na escola, a Olimpíada escolar deportiva e do coñecemento, un Obradoiro mural ou Novas tecnoloxía aplicadas á música.

O coñecemento do noso medio e da nosa contorna dános unhas posibilidades educativas que debemos aproveitar”, sinala Elías Domínguez, xefe de Servizo da Concellería de Educación, “e estas pasan por que a rapazada coñeza o ámbito do local” para comprender o que lle rodea.

É por iso que, xunto coas novidades expostas, seguirán desenvolvéndose outras clásicas, coma as da Aula da Natureza, Coñece a túa cidade, ou educación artística na escola, animación á lectura, tertulias literarias, exposicións, educación viaria, educación en saúde ou educación en medio ambiente.

Todas estas actividades levaranse a cabo en formato presencial nos propios centros de ensino cumprindo en todo momento co protocolo COVID.

'Calquera iniciativa vai ser escoitada'

Ademais desta proposta educativa inicial, a Concellería de educación irá ofertando novas actividades enmarcadas nos distintos programas educativos ao longo do curso. O profesorado poderá acceder a esta información a través da páxina web www.educacionourense.es desde o día de hoxe, e deberá ir enchendo as inscricións desde a área privada sendo a data límite o 15 de novembro ás 14.00h.

Cando fomos visitar as instalacións educativas para o aproveitamento de actividades extra escolares démonos de conta de que había moita xente que quería axudar”, afirma Aníbal Pereira, asesor municipal en materia de Educación, “e esas sinerxías hai que aproveitalas”. Por este motivo, o espazo web da Concellería de Educación permanecerá aberto ás achegas de pais, nais, docentes e outros colectivos que traballen coa rapazada. “Calquera iniciativa vai ser escoitada”, sostén.

A programación 2021-22 pode consultarse na web www.eduacionourense.es