Responsive image 27-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O Concello recorrerá a sentenza que o condena a aboar 4,4 millóns de euros a Acuaes pola construción da depuradora

21 de xaneiro de 2022 - 11:01

A xunta de goberno local acordou interpoñer recurso de casación diante da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo


Imagen de noticia

O Concello de Ourense recorrerá diante do Tribunal Supremo a sentenza do Superior de Xustiza de Galicia que o condena a aboar 4,4 millóns de euros a Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) polas obras de construción da depuradora de Reza. Así o acordou a xunta de goberno local, atendendo a proposta realizada polos servizos xurídicos do Concello, tras tomar coñecemento da resolución do tribunal galego, de signo diferente á anterior do Xulgado do Contencioso sobre este pleito, que deriva do convenio subscrito no ano 2009 para financiar estas obras. Na mesma sesión, a xunta local tratou un total de 16 asuntos, presentados polas diferentes áreas e servizos municipais

Licenzas (3)

A xunta local acordou conceder licenzas de obra para os proxectos:

  • de rehabilitación dunha vivenda unifamiliar pareada na rúa Ríos

  • de rehabilitación dun edificio de vivendas (con baixo, catro plantas e ático) na rúa Cervantes

  • de consolidación e reforzo estrutural da planta baixa dun inmoble na rúa Sáenz Díez

Aperturas (1)

- Conceder a licenza de obra para o proxecto básico e de execución de adaptación dun edificio para centro literario cultural na rúa da Paz nº 21, no centro histórico da cidade

Servizo de Planeamento, Xestión urbanística e Patrimonio (2)

- Desestimar 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial por lesións sufridas por caídas nas rúas Cruz Vermella e Santo Cristo, xa que non concorren os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización.

Servizo de Contratación (1)

Aprobar o expediente para contratar, por lotes, o servizo de control da vexetación de crecemento espontáneo mediante roza nos espazos públicos localizados no perímetro rural do Concello de Ourense. Tamén se aproba o gasto correspondente ao contrato, por un importe de 85.750,63 € e se dispón a apertura do procedemento de adxudicación.

Medio ambiente (1)

- Extinción da cesión do aproveitamento de hortos municipais. O acordo declara a resolución de autorizacións concedidas para o uso de hortos municipais en Montealegre e Mariñamansa que teñen rematado o seu prazo de vixencia.

Artes e festexos (1)

Aprobar a xustificación do anticipo de caixa fixa do Servizo de Cultura correspondente á anualidade 2021, por importe de 3.000 euros.

Xestión tributaria (1)

Solicitarlle á Dirección Xeral do Catastro o encargo á Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio, Sociedade Anónima (Segipsa) da realización dos traballos catastrais obxecto do convenio de colaboración subscrito co Concello de Ourense para o ano 2022. No acordo, tamén se autoriza e dispón o gasto a favor de Segipsa, por importe de 13.812,01€.

Avogacía Consistorial (6)

A xunta de goberno local deu conta de seis sentenzas:

- Do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1, no Procedemento Ordinario número 268/2020, promovido pola Diócese de Ourense.

A sentenza desestima o recurso interposto pola Diócese contra o acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de 25/09/2020 relativo a 2 parcelas ocupadas polo Concello nas localidades de Cudeiro e Seixalbo, cuxa devolución solicitaba a Diócese. A sentenza dálle razón ao Concello, establece que non procede devolver os terreos senón aboar unha indemnización, na contía que fixara o propio Concello de Ourense: 102.857,52 euros, e non a que solicitaba a Diócese (1.211.467,54 euros)

- Do Contencioso-Administrativo núm. 2, no Procedemento Ordinario 283/2019

Estima un recurso contencioso-administrativo relativo a unha autoliquidación polo imposto sobre o Incremento de Valor dos terreos de natureza urbana (IIVTNU), que anula e deixa sen efecto, de acordo coa sentenza do Tribunal Constitucional de 26 de outubro de 2021 sobre este tributo.

- Do Contencioso-Administrativo núm. 1, no Procedemento Abreviado 67/2021

Declara a inadmisibilidade dun recurso contencioso-administrativo relativo a unha solicitude de rectificación da autoliquidación do IIVTNU, neste caso porque a recorrente non esgotou a vía administrativa.

- Do Contencioso-Administrativo núm. 1, no Procedemento Ordinario 252/2019

Estima un recurso contencioso-administrativo contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 8/08/2019, que desestimaba unha solicitude de declaración de nulidade dos acordos 26 e 84 da Xunta de Goberno do 05/12/2007.

A sentenza declara a nulidade de pleno dereito dos acordos da Xunta de Goberno Local adoptados na súa sesión do 5 de decembro de 2007, relativos á concesión, en vía de legalización, de licenzas urbanísticas de obra, ocupación, usos, actividade e apertura, en tanto que referidas ao subsolo do espazo libre sito entre as rúas Ramón Cabanillas, Teluro e Avenida de Buenos Aires (Praza de San Antonio), con todas as consecuencias inherentes a tal declaración.

A sentenza non é firme e o goberno municipal estudiará a posibilidade de interpoñer recurso de apelación, diante da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

- Da Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 2ª, do Superior de Xustiza de Galicia, no recurso de apelación 4164/2021, promovido polo Concello.

A sentenza estima o recurso presentado polo Concello contra unha sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense relativo a uns terreos ocupados polo Concello na área de reparto 48-N do Plan de Urbanismo de 2003, nos que se construiu un muro, de propiedade municipal, e un paso peonil que vai desde a rúa Beira Miño até o parque Ribeira-Miño.

A sentenza do contencioso obrigaba o Concello a devolver os terreos e indemnizar os seus propietarios. A sentenza do Superior de Xustiza de Galicia, que hoxe se coñeceu, estima o recurso do Concello, e revoga a anterior no relativo á restitución dos terreos. O Concello non terá que devolvelos senón aboar unha indemnización, cuxo importe se determinará en execución da sentenza

- Da Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 3ª, do TSXG, no recurso de apelación 7128/2021, promovido por Aguas de las Cuencas de España S.A.

A xunta de goberno acordou interpoñer recurso de casación diante da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo contra a sentenza de 15 de decembro de 2021 ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 3ª, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.