O Concello recupera o Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono 2021

29 de setembro de 2021 - 12:03

A Concellería de Turismo e Termalismo organiza esta acción promocional, do 10 ao 21 de novembro, coa fin de potenciar e dar a coñecer a riqueza gastronómica da cidade e as diferentes propostas dos establecementos hostaleiros de Ourense | “Estamos ante unha das citas que xa son un clásico na nosa cidade", afirma a concelleira Flora Moure | Poderanse inscribir, ata o día 15 de outubro, todos aqueles establecementos de hostalería que ofrezan habitualmente pinchos aos seus clientes


...

O Concello recupera o XIII Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono 2021. Logo da ausencia do pasado ano por mor da pandemia, a Concellería de Turismo e Termalismo organiza esta acción promocional, do 10 ao 21 de novembro, coa fin de potenciar e dar a coñecer a riqueza gastronómica da cidade e as diferentes propostas dos establecementos hostaleiros de Ourense.

A concelleira de Turismo e Termalismo, Flora Moure, destaca que “estamos ante unha das citas que xa son un clásico na nosa cidade, tanto polo atractivo turístico que supón, como polo impulso que lle dará á Hostalería da nosa cidade para recuperar a normalidade tras uns meses moi duros e complicados”. Polo tanto, a concelleira anima á participación nun evento “que beneficiará e daralle un pulo importante á nosa cidade coa gran calidade gastronómica da que sempre facemos gala”.

As bases reguladoras desta actividade, que cumpre a súa 13ª edición, aprobaranse da xunta de goberno desta semana, e poderanse inscribir, ata o día 15 de outubro, todos aqueles establecementos de hostalería que ofrezan habitualmente pinchos aos seus clientes.

Poderán participar ata un máximo de 65 establecementos, determinados por orde de inscrición. Esta realizarase exclusivamente remitindo un formulario, debidamente cuberto, que a organización porá a disposición dos concursantes. No momento da publicación das bases na web municipal www.ourense.gal, adxuntarase o modelo oficial de inscrición. Cada local poderá participar cun único pincho inédito (que non concursase previamente) que deberá incorporar como ingredientes cogomelos e/ou castañas na súa elaboración. Ningún pincho participante poderá ter un prezo de venda inferior aos 2€ nin superior aos 3€.

No referente aos premios, concederanse os seguintes:

  • 3 premios do xurado profesional

  • 1 áccesit do xurado profesional ao pincho máis creativo

  • 3 premios do público

  • 1 premio “Pincho Celíaco”