O Concello reforza os medios dos servizos de seguridade e impulsa campañas informativas e de vixilancia da Policía Local

13 de outubro de 2021 - 14:30

Telmo Ucha adiantou esta mañá, en xunta de área, que xa están en trámite as reordenacións de tráfico de Avenida de Marín e de Marcelo Macías | Estúdase chegar a un acordo co SERGAS para vixiar os vehículos mal estacionados, así como para denunciar aquelas persoas que, nunha zona tan sensible, obvian a prohibición de fumar


...

O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, informou os asistentes á Xunta de área de Seguridade, durante a sesión celebrada esta mañá no salón de plenos, das novidades que está a desenvolver a Concellería que dirixe. Entre elas, a compra de novos materiais para o Servizo de Emerxencias, un acordo co Sergas para a vixilancia da contorna do centro hospitalario de Ourense ou a reordenación do tráfico en vías da cidade coma a Avenida de Marín ou Marcelo Macías.

Así, informouse da ampliación do parque de bombeiros, dado que en breve se incorporará un vehículo FSV (Furgón Salvamentos Varios) con remolque así como un PMA (Posto de Mando Avanzado). Igualmente, instalarase un novo repetidor que mellore as comunicacións en policía local, bombeiros e protección civil, e tamén se valora a idea de adoptar un centro de control de emerxencias municipal.

Tamén se porán en marcha o PEMU e o Regulamento de funcionamento interno en Policía Local, así como unha mesa de compras, onde entre outras, estudarase a adquisición de dúas motos para a nova patrulla Medio Ambiental.

Igualmente, o concelleiro deu conta do inicio das campañas informativas e de vixilancia que realizará a Policía Local, así como doutras iniciativas coma a de facer turbo-rotondas e vixiar aquelas que son usadas como aparcamento, a de vixiar a circulación de vehículos por beirarrúas, a ocupación das paradas de autobús, así como de pasos de peóns, entre outras.

Educación. Durante a xunta de área tamén se avanzou que o Concello está á espera de data para tratar, de modo conxunto con profesionais de Educación e pais de alumnos, unha solución ao problema que para o tráfico supón o traslado de alumnos en vehículo nalgúns centros de ensino e a súa contorna.

Do mesmo xeito, anunciouse que haberá persoal para o futuro parque de educación viaria.

Sergas. Na sesión de hoxe informouse do estudo que se está a realizar para chegar a un acordo co SERGAS para que a Policía Local actúe en todo o recinto do CHUOU perante o aumento de vehículos mal estacionados, así como para denunciar tamén aquelas persoas que, nunha zona tan sensible, obvian a prohibición de fumar.

Outras demandas cidadás. A respecto das queixas e demandas cidadás, Telmo Ucha adiantou que xa están en trámite as reordenacións de tráfico de Avenida de Marín e de Marcelo Macías; de que se vai someter a estudo o uso que se está facendo do acceso á Alameda en vehículo pola Praza de Abastos N 1; e do interese e boa sintonía por axilizar expedientes comúns coa Concellería de Urbanismo.