O Concello retomará este ano as celebracións de Samaín e San Martiño de forma prudencial

29 de setembro de 2021 - 12:04

A orquestra París de Noia, un tributo a ABBA, ambientación de rúas, Julia en la Onda, concurso de Pinchos e Carreira Popular son algúns dos atractivos da Semana do patrón da cidade | Ourense escenificará a Noite do Medo con actores representando as personaxes da Santa Compaña para amenizar o centro histórico | O Auditorio recibe en outubro a Ara Malikian, Coque Malla e o dúo Jaime Caravaca&Grison beatbox, de La Resistencia


...

O Concello de Ourense retomará este ano as celebracións de Halloween/Samáin e de San Martiño de forma prudencial, cun programa de actividades adaptado ás circunstancias que impón a pandemia da COVID-19.

O 31 de outubro, véspera do festivo Día de Todos os Santos, a cidade volverá celebrar a Noite do Medo. Aínda que a pandemia obrigou a suspender o desfile de Entroidos da provincia que se preparaba para esa data, a noite celebrarase cunha escenificación, a cargo de actrices e actores que representarán as personaxes da Santa Compaña para amenizar as rúas do casco vello.

Para celebrar os Magostos, o Concello ambientará as rúas da cidade coa presenza de cabezudos, charangas, actuacións para cativos en diferentes prazas da cidade, e un concerto da orquestra París de Noia, unha das máis prestixiosas e populares de Galicia, que tocará na rúa Pardo de Cela, nas proximidades do Pavillón Municipal dos Remedios o día 11 de novembro, ás 19:00 horas. Pola contra, non poderá realizarse a degustación do Magosto que organizaba o Concello, que se cancela pola COVID.

O día anterior, 10 de novembro, o Auditorio acollerá un espectáculo tributo ao grupo ABBA, cuxas entradas sairán proximamente á venda, a través da páxina web Ataquilla.com, a un prezo de 10 euros, e o día 11 de novembro, o auditorio acollerá a realización en directo do programa Julia en la Onda, de Julia Otero, de Onda Cero. O espectáculo será gratuíto, e as entradas poderán reservarse por Internet na Concellería de Cultura. O día 19, o auditorio acollerá un espectáculo a cargo da compañía ourensá Sarabela.

Para reforzar a celebración da festa, o Concello programará nesas datas dúas populares actividades. Por unha banda, o Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, que retoma este ano do día 10 ao 21 de novembro, xunto co sector da hostalaría ourensá, coa fin de potenciar e dar a coñecer a riqueza gastronómica da cidade e as diferentes propostas dos establecementos hostaleiros de Ourense. Por outra, a carreira pedestre popular do San Martiño, que se organizará tamén na semana de San Martiño.

Actividades no Auditorio en outubro

Por outra banda, o Auditorio Municipal acollerá durante o mes de outubro 3 actividades:

  • Día 14 de outubro ás 20,30h. Ara Malikian, violinista.- Xira "Petit Garage". As entradas sairán proximamente á venda.

Nado en Armenia, iniciouse no violín a moi curta idade e deu o primeiro concerto aos 12 anos. A súa inquietude musical e humana fixeron profundar nas súas propias raíces armenias e asimilar a música doutras culturas.

  • Día 16 de outubro ás 20,30h. Coque Malla -entradas, a 18 €, á venda na web de Ataquilla.com-, concerto incluído na Semana das Industrias Culturais e Creativas ICC Week que organiza a Deputación de Ourense.

Jorge Malla Valle (Madrid, 22 de octubre de 1969), coñecido como Coque Malla, é un músico e actor español, cunha sólida e exitosa traxectoria, tanto como líder do grupo de rock Los Ronaldos entre 1987 e 1998 como en solitario, desde entón en solitario.

Cómico residente e músico, respectivamente, no programa La Resistencia, de David Broncano, ofrecen un espectáculo que mistura show e beatboxing. Escenas conxuntas, dobraxe en directo, cancións imposibles de Grison e sobre todo, moito sentido do humor nun ambiente participativo e animado para o público.