O Consello Municipal destina 663.198€ a axudas a equipos para fomentar o deporte base na cidade

25 de novembro de 2021 - 14:40

As subvencións daranlle apoio a 68 entidades que suman 8.089 licenzas, das que o 5.704 son menores de idade | As axudas chegarán a equipos de 26 disciplinas diferentes | O concelleiro de Deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes, Mario Guede, destaca que “con esta importante cantidade, tratamos de axudar ao funcionamento dos clubs que enriquecen e potencian o deporte base en Ourense e o seu tecido deportivo”


Imagen de noticia

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense daralles apoio económico para fomentar o deporte de base e de competición na cidade a un total de 68 entidades deportivas de 26 disciplinas diferentes. O Consello Reitor aprobou por unanimidade na súa sesión desta mañá a resolución da convocatoria de subvencións para a temporada 2021/2022, dotada con 663.198 euros. As axudas daranlle apoio a uns clubs que suman 8.089 licenzas deportivas, das que o 5.074 son de nenos e mozos menores de idade.

As subvencións darán apoio a unha grande variedade de modalidades deportivas: aeromodelismo, balonmán, baloncesto, fútbol sala, fútbol, halterofilia, tenis de mesa, voleibol, ximnasia, hóckey, tiro olímpico, salvamento, waterpolo, fútbol gaélico, montañismo, natación sincronizada, triatlon, kick boxing, volei praia, piragüismo, badminton, padel, loita, patinaxe, natación, tiro con arco, e ciclismo.

O acordo é o resultado da liña 2 de subvencións convocada polo Consello Municipal de Deportes para actividades de clubs e entidades federadas realizadas na temporada 2020/2021, que ten como principal finalidade apoiar os gastos de funcionamento dos equipos. A resolución reparte unha partida de 670.000€ entre 68 entidades deportivas, tendo especial sensibilidade cos deportes minoritarios, de competición e de base. O concelleiro de Deportes e presidente do Consello Municipal de Deportes, Mario Guede, destaca que “con esta importante cantidade, tratamos de axudar ao funcionamento dos clubs que enriquecen e potencian o deporte base en Ourense e o seu tecido deportivo”.

En relación aos puntos totais obtidos por todas as entidades, ascenderon a 138.849,32, o que dividido polo importe total da partida (670.000€) deu un valor ao punto de 4,83€, o que supón unha subida dun 12% respecto ao prezo do ano pasado.

Como novidades no procedemento valoración en relación ao ano pasado, nesta convocatoria tívose en conta, entre outros, os gastos efectuados pola entidades en produtos e servizos vinculados aos procedementos de prevención fronte á COVID-19. Tamén tivéronse en conta entre as actividades de promoción, os eventos virtuais organizados polos clubs en momentos de suspensión da actividade por motivo da emerxencia sanitaria orixinada pola COVID-19.

Procedemento. O procedemento que rexe esta concesión é a concorrencia competitiva, co que cada club segundo os datos obxectivos achegados, recibe unha puntuación. A suma de puntuacións totais obtidas por todos os clubs divídese entre a partida orzamentaria da que se obtén un prezo por punto que orixina os importes de cada unha das entidades.

A resolución desta convocatoria tivo especial dificultade, xa que os técnicos  tiveron en conta a interrupción da actividade derivada do estado da alarma pola COVID-19. Deste xeito buscouse que a valoración, dentro do indicado nas bases, reducise os ingresos das entidades na menor contía posible, segundo o solicitado.