Responsive image 26-05-2022
Responsive image 988 388 100
Responsive image 09:00-14:00
Responsive image Praza Maior, 32005 Ourense

O viveiro municipal de Ourense inicia unha nova etapa para recobrar o seu esplendor como centro de referencia do coidado e cultivo de plantas de tempada

24 de xaneiro de 2022 - 14:15

O investimento inicial acadou os 39.998,55 euros incorporando novos multituneis de ata 30 metros de longo, e novo equipamento que lle permitirá ao Concello abaratar os custos de xestión da almacenaxe de plantas e árbores destinadas ás zonas verdes da cidade.


Imagen de noticia

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, recupera a infraestrutura do viveiro municipal da cidade. O investimento inicial acadou os 39.998,55 euros (continuaranse realizando traballos da instalación), incorporando novos multituneis de ata 30 metros de longo, e novo equipamento que lle permitirá ao Concello abaratar os custos de xestión da almacenaxe de plantas e árbores destinadas ás zonas verdes da cidade.

O concelleiro responsable, Jorge Pumar, amosa a súa satisfacción coas obras desenvolvidas no viveiro municipal, “que lle permiten á cidade recuperar unha infraestrutura única que levaba máis dunha década infrautilizada por mor do abandono da instalación por parte de PSOE e BNG cando gobernaron a cidade”.

O novo equipamento permite a posta en marcha do servizo do viveiro co obxectivo de mellorar os xardíns e zonas verdes de Ourense e ser medio de colaboración con outras institucións, colectivos e asociacións. Xa que, como explica o concelleiro Jorge Pumar, o viveiro acollerá no futuro visitas de colexios e de asociacións veciñas, e deste xeito desenvolveranse programas de cooperación con organizacións do terceiro sector de Ourense”. 

O viveiro permitirá a recepción e control de todas as plantas e árbores con destino aos proxectos de xardinería e obras de Ourense, así como a súa consolidación como “enfermería” de aqueles exemplares da infraestrutura verde da cidade que poidan ser recuperados.

Jorge Pumar amosa a súa satisfacción por este importante paso cara á recuperación dunha infraestrutura sostible e que foi unha referencia no seu tempo. “Con este investimento, os 24.000 metros cadrados do espazo municipal gañan de novo o seu uso orixinal, un espazo de xestión dos recursos florais e arbóreos do Concello como así fora deseñado no seu nacemento, no ano 1997”. Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente pon en valor os traballos levados a cabo polo equipo de xardineiros municipais, tanto no deseño como nos traballos de plantación, que permiten conseguir un maior atractivo visual e paisaxístico para cidadáns e visitantes.

A Concellería de Medio Ambiente iniciará os traballos nesta nova infraestrutura co lanzamento dunha nova campaña de embelecemento da cidade, coa plantación de 900 novas plantas nos distintos barrios e nas rúas peonís de Ourense. Jorge Pumar explica que, para os traballos de embelecemento das rúas de Ourense, elixíronse ata 40 especies de plantas diferentes, o que permitirá crear na cidade espazos coloridos e de gran beleza para paseantes e visitas turísticas. O obxectivo de todos estes traballos é poñer a cidade bonita para o desfrute de todos.

Os traballos iniciáronse coa preparación das xardineiras e zonas verdes, retirando a materia orgánica sobrante, tratando os fungos e preparando as terras para a recepción das novas flores.  As actuacións abarcan tanto as rúas céntricas da cidade como os distintos barrios de Ourense.

Estes traballos de xardinería permitirán a plantación de especies como rosas, romeiros, azaleas, coprosmas (plantas espello), xeranios, gardenias... Así ata completar unha lista de 40 especies diferentes que permitirán darlles un novo valor paisaxístico ás rúas da cidade. Por último, lembra o concelleiro de Medio Ambiente que as plantas son de todos e entre todos debemos coidalas.