O Xulgado desestima o recurso presentado por un auxiliar político contra o seu cesamento como persoal de confianza

14 de outubro de 2021 - 15:00

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense ditou sentenza na que desestima o recurso interposto por B.B.T., ex traballador municipal adscrito ao grupo Democracia Ourensana, contra o decreto de 10 de setembro de 2020 ditado pola Alcaldía que acordou o seu cesamento da plantilla de persoal como auxiliar político do Concello de Ourense.

...

O xuíz conclúe na súa resolución que “no presente caso, non se require para acordar o cesamento nada máis ca decisión da autoridade que o designou, o cal é evidente que concorre no presente caso, sen que sexan precisa unha motivación adicional, motivación (ou falta dela) que, por outra banda, é a mesma que serviu como base ao nomeamento do actor e que naquel momento, como é lóxico, non cuestionou”.

Sinala a sentenza que “polo tanto, se se considera que o acto de cese é acorde á normativa que o regula, non so pode falarse de falta de motivación senón tampouco de fraude de lei ou desviación de poder”.