O XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense é para Antonio Seijas, por 'Teoría do fin - Eurínome'

14 de outubro de 2021 - 16:32

O xurado escolleu a súa obra de entre as 56 presentadas porque “pousa o pé na física para alcanzar unha fenda pola que entrar con axilidade no metafísico” | O premio é de 6.000 euros máis a publicación da obra


...

Antonio Seijas Cruz (Ares, 1976) é o gañador do XXXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense pola obra Teoría do fin – Eurínome, “un texto dunha alta solidez formal en que cada un dos capítulos tecen unha rede entre as leis físicas que inflúen no devir do universo e que as inciden na alma humana”, en palabras do xurado desta edición.

Formado pola gañadora da edición do ano 2020, Lorena Conde, o crítico literario César Lorenzo e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé González, o xurado escolleu a obra de Seijas de entre as 56 presentadas -25 máis que na pasada edición- porque “pousa o pé na física para alcanzar unha fenda pola que entrar con axilidade no metafísico”.

O premio Cidade de Ourense é de 6.000 euros máis a publicación da obra.

Historiador da Arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada, Antonio Seijas publicou catro novelas gráficas que colleitaron importantes premios e mencións en certames de todo o mundo. Fai traballos para revistas e xornáis, e tamén é autor de ducias de portadas de libros e discos, e tamén destaca no mundo do deseño gráfico. En 2019 publicou a súa primeira novela xuvenil: O soño da serpe (Ed. Galaxia).