Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

Comunicado institucional polo 8 de abril 2019 – Día Internacional del Pobo Xitano.

O documento foi asinado polos portavoces dos 4 grupos políticos con representación no Concello de Ourense a proposta da Fundación Secretariado Xitano. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez deu lectura ao documento no pleno do venres, día 5 de abril. Na Casa do Concello ondea durante o día de hoxe a bandeira xitana, en adhesión á celebración.


Avances sociais, recoñecemento e participación

Acabamos de celebrar o 40º aniversario da Constitución Española, unha Carta Magna que supuxo o recoñecemento formal da plena cidadanía dos xitanos e xitanas fai tan só catro décadas. A Constitución recolle a igualdade como principio e valor compartido por todos os españois e inclúe algúns artigos que avalan e permiten a posta en marcha de políticas para garantir a igualdade de oportunidades, combater a discriminación e promover a participación de todos os cidadáns e cidadás. Como parte desa cidadanía, o pobo xitano tamén viviu un proceso de avances sociais que promove ese marco de convivencia e cohesión que supón a nosa Constitución.

40 anos despois da súa aprobación, podemos felicitarnos polos cambios que promoveu na comunidade xitana. É innegable que as condicións de vida melloraron; a escolarización dos nenos e nenas xitanas é unha realidade, e aos poucos cada vez máis mozos e mozas completan a etapa de educación obrigatoria e continúan estudando na Universidade; o mercado laboral, aínda que lentamente, vaise abrindo tamén aos xitanos e xitanas; o chabolismo, aínda que existe, xa é residual; e cada vez contamos con máis mecanismos e recursos para loitar contra o rexeitamento e a discriminación que sofren as persoas xitanas.

Así todo, a brecha de desigualdade persiste. A comunidade xitana está sobrerepresentada nos índices de pobreza e exclusión social; as taxas de fracaso e abandono escolar son moito máis altas entre o alumnado xitano que na media española; a taxa de desemprego da poboación xitana e o nivel de precariedade no emprego están moi por encima das porcentaxes medias, por poñer só algúns exemplos. En definitiva, a igualdade de oportunidades non é unha realidade para unha boa parte da comunidade xitana.

Pero nun día como hoxe, 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, desde a Fundación Secretariado Xitano queremos subliñar os avances que se produciron no recoñecemento institucional do pobo xitano e na progresiva participación de xitanos e xitanas en todos os ámbitos da sociedade.

Hai un ano, a instancias do Congreso dos Deputados, o Consello de Ministros recoñecía formalmente o 8 de abril como Día Internacional do Pobo Xitano, unha decisión que comporta o recoñecemento institucional aos símbolos e á identidade dunha comunidade cunha historia e cultura propia, asentada en España desde fai case seis séculos, e que sobreviviu a numerosas persecucións e a un forte rexeitamento e discriminación, que pervive actualmente.

Estamos a ver tamén como algunhas Comunidades Autónomas están a introducir a historia e a cultura xitana no currículo escolar, saldando así unha débeda pendente, porque a súa ausencia nos libros de texto contribuíu claramente ao descoñecemento e ao distanciamento, a basear as relacións en prexuízos e estereotipos negativos sobre a comunidade xitana, herdados dunha tradición de rexeitamento secular. A nosa campaña de sensibilización “Lección Xitana”, que está a servir para celebrar este 8 de abril en moitos Concellos e Comunidades Autónomas, está pensada precisamente para contribuír a paliar ese descoñecemento, ofrecendo un percorrido pola historia e a cultura do pobo xitano.

Por outra banda, a instancias do Parlamento Europeo, e nunha iniciativa na que participa a Fundación Secretariado Xitano, está previsto que se promovan en todos os Estados Membros da Unión Europea, Comisións da Verdade e Reconciliación para coñecer e visibilizar a realidade do rexeitamento e a persecución que sufriu o pobo xitano ao longo da súa historia, e reparar o dano causado á dignidade das persoas xitanas.

Pero é quizais a participación das persoas xitanas en todos os ámbitos da esfera pública onde estamos a ver grandes avances. Hai poucas semanas viamos no Congreso dos Deputados, ante a Comisión de Dereitos da Infancia e Mocidade, a Eusebio Montoya, un neno xitano de 12 anos do barrio madrileño de Vallecas, que participa nos programas da Fundación Secretariado Xitano, asumir a representación de nenos e nenas das Comisións de Infancia de toda España para trasladar as súas peticións ao Congreso, tras un proceso de participación infantil para coñecer os seus dereitos.

O pasado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha data sinalada para reivindicar o papel das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e poñer en valor a necesidade de garantir a igualdade de xénero, vimos como as mulleres xitanas fóronse incorporando a este proceso e súmanse, conscientes dos seus dereitos, á reivindicación dunha sociedade que esixe a igualdade das mulleres, tamén das mulleres xitanas.

Pero é na participación política onde vemos estes días, previos a varias citas electorais, unha manifestación dos avances que están a promover os xitanos e xitanas na representación pública. Os principais partidos políticos con representación parlamentaria están a incorporar nas súas listas electorais a candidatos e candidatas xitanas, mostrando así, por unha banda, a heteroxeneidade e a pluralidade ideolóxica dentro da comunidade xitana, pero tamén o valor que supón en termos de rendibilidade política ter nas súas filas a persoas que representan a diversidade, persoas que suman, non restan votos, persoas que achegan aos partidos políticos e á sociedade. A numerosa incorporación de candidatos e candidatas xitanas ás próximas eleccións xerais, autonómicas e locais é un reflexo real de procesos de participación e cidadanía do pobo xitano, e supón, sen dúbida, o recoñecemento do valor que achegan, tamén á política.

Neste 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, desde a Fundación Secretariado Xitano non podemos máis que alegrarnos destes avances en termos de recoñecemento e participación, avances que só poden producirse cando as persoas teñen garantidos os seus dereitos sociais básicos: unha educación de calidade, un emprego decente e unha vivenda digna.

Debemos seguir apostando por políticas, iniciativas e programas que contribúan a asegurar eses dereitos sociais para todas as persoas xitanas, sen deixar a ninguén atrás, para que poidan exercer plenamente a súa cidadanía. Por iso é polo que esa ampla representación política da minoría xitana sexa imprescindible para defender desde os poderes públicos o necesario avance en dereitos do pobo xitano.