Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

O vindeiro 5 de xuño, o Concello de Ourense abrirá o período de inscrición nas Actividades de Verán 2019 organizadas pola Concellería de Asuntos Sociais nos Centros Cívicos nos meses de xullo e agosto, e que ofrecerán un total de 420 prazas para nenas e nenos que cursaron Infantil ou Primaria no curso 2018-2019. O obxectivo básico desta actividade é que a rapazada se divirta e aprenda convivindo con outros nenos e outras nenas.

Este verán, fomentarase a participación da cativada en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan a educación en igualdade. A través do xogo, trátase de que coñezan a Convención de Dereitos da Infancia e de promover que se convertan en axentes de cambio social identificando a realidade do seu barrio. Todo elo, no marco das accións encamiñadas a cumprir os obxectivos do I Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Ourense. Ademais, as actividades supoñen un importante reforzo para que as familias concilien a súa vida laboral e familiar durante as vacacións, grazas a un horario de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Inscrición

Para inscribirse nas Actividades de Verán é preciso cubrir a solicitude que se activará na páxina Cursos Asuntos Sociais o día 5 de xuño, a partir das 9:00 horas. O prazo rematará o día 12 de xuño ás 24:00 horas. No caso de que algunha persoa precise de axuda coa inscrición, pode dirixirse á Oficina de Atención Cidadá ou ao Centro Cívico Colón. Este verán haberá un total de 420 prazas, repartidas en sete grupos de 15 rapazas e rapaces e que estarán organizados por quincenas. Así, os primeiros sete grupos estarán abertos do 1 ao 15 de xullo. Os seguintes serán: do 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 16 de agosto e do 19 ao 31 de agosto.

As actividades son gratuítas e para ter a posibilidade de acceder a elas a persoa participante deberá figurar no padrón do Concello de Ourense. A admisión nas quincenas será por orde de entrada e orde de preferencia. Se a inscrición faise para máis dun centro na mesma quincena, entenderase que o centro de preferencia é o primeiro. As quincenas dos centros que non alcancen un número mínimo de solicitudes poden ser suspendidas. No caso de que haxa prazas, os nenos e as nenas que cubran a solicitude en prazo deberán ter concedida algunha das quincenas de preferencia antes de poder asistir a unha segunda quincena.