Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

Os nenos e nenas de familias en risco de exclusión social poderán participar no campamento infantil e xuvenil que organiza o Concello de Ourense, a través da Concellería de Asuntos Sociais, e que está cofinanciado pola Xunta de Galicia. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), que publicou esta semana a resolución para a adxudicación do uso de instalacións xuvenís dependentes da Concellería de Política Social, en réxime de oferta concertada, durante a campaña de verán 2019.

Poderán participar neste campamento rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os nove e os 14 anos, membros de familias en situación de vulnerabilidade que recibiron axudas da Concellería de Asuntos Sociais ao longo do último ano. As persoas beneficiarias pasarán unha estadía no Campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, entre os días 13 e 20 de agosto.

A actividade ten como finalidade achegarlles ás familias unha alternativa para conciliar a vida laboral e familiar dun xeito distendido durante as vacacións de verán. E para os nenos e nenas desta familia supón unha oportunidade única de desfrutar de actividades de verán na costa galega.

O campamento está deseñado para gozar do tempo libre, a través de actividades creativas e de contacto coa natureza, neste fermoso enclave situado na parte sur da ría de Muros-Noia. Preténdese que adquiran coñecementos, hábitos e valores, aprender en contacto coa natureza, e vivir a experiencia de convivir con compañeiros e compañeiras de forma relativamente autónoma.

O programa inclúe un amplo abano de actividades: náuticas, teatro, xogos deportivos, como tiro con arco, equilibrio en corda tensa, xincanas con auga, xogos interculturais, bailes como break dance, circo, actividades de orientación, arte con area, deportes inclusivos ou xogos na praia.

Cada noite, trala cea, terá lugar a asemblea, espazo activo de fala e escoita entre nenos e nenas participantes, e veladas e contos de igualdade. Un equipo de monitores/as titulados/as velará polo bo desenvolvemento do campamento, cun trato personalizado para atender as necesidades da rapazada.