Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou, esta mañá, un convenio de colaboración para o Comedor Social de Cáritas Diocesana. Foi, ademais da adxudicación das obras da canceira, un dos 32 asuntos da orde do día.

Asuntos sociais (1). Aprobouse o Convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e Cáritas Diocesana para financiar o proxecto do Comedor Social. Así, pasará de 125.000 a 250.000 euros para o presente ano. Este achega é debida á situación límite que provocou a COVID-19, que fixo que se tivesen que atender as necesidades das persoas en situación de maior vulnerabilidade: “As comidas que se servían diariamente ás persoas que acudían ao comedor chegaron ás 600”, sinala o Gonzalo Pérez Jácome. Desde a outra parte, o responsable de Cáritas, Ángel Feijóo, valora “que se poida seguir atendendo a todas as persoas que o necesitan nestes momentos de dificultade”.

Licenzas (6). Concedéronse licenzas para a instalación de ascensores en dous edificios, para a demolición dunha edificación, para a construción dunha vivenda unifamiliar e para a instalación dun equipo xeotérmico de 500 Kws no Edificio de Ferro do Campus Universitario. Ademais, aceptouse unha renuncia á licenza para segregar un local en dous.

Patrimonio (3). O Concello requiriralle a dous particulares responsabilidade patrimonial por danos causados no mobiliario urbano: 700 euros por unha papeleira e 72,31 euros polos danos causados en fitos de protección de peóns. Por outra banda, desestimouse unha reclamación de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na rúa.

Contratación (8). Ademais da contratación das obras da canceira, adxudicáronse dous servizos de asistencia técnica para labores municipais: para o apoio e xestión dun proxecto de cooperación europea, por 10.086 euros, e para auditar o programa Emprende Makers, por 2.580 euros.
Dáselle un pulo á contratación doutros dous servizos -a renovación e mantemento das aplicacións informáticas da Área Económica e de Estatística, por un lado, e das de Persoal e Recursos Humanos, polo outro- solicitándolles ás empresas mellor valoradas no concurso que acheguen a garantía definitiva, equivalente ao 5% do prezo de adxudicación excluído o IVE.
A maiores, coñeceuse a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación de servidores informáticos, tendo agora a empresa mellor colocada dez días para presentar toda a documentación requirida.
Finalmente, rectificáronse dous acordos de xuntas de goberno previas: un relativo a unha indemnización pola non celebración dun módulo formativo do Ourense Activa (139,04 euros), e outro para incluír novos requisitos no prego de contratación para o proxecto de mellora das rúas Salto do Can e Carballo.

Alcaldía (1). A xunta de goberno local acordou avogar as competencias para resolver os expedientes da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas 4 áreas de rehabilitación e rexeneración urbanas da cidade. O Concello de Ourense realizou a convocatoria de subvencións e recibiu un total de 72 solicitudes de axudas para actuacións de rehabilitación de edificios e/ou vivendas.
Até o de agora, as competencias para tramitar estes expedientes estaban delegadas en dúas areas: por unha banda, a Área de Urbanismo era responsable de resolver os expedientes de concesión de subvencións, e a Área de Facenda era responsable de aprobar o recoñecemento da obriga de pagamento da axudas. Coa finalidade de acadar unha maior axilidade e eficacia administrativa na resolución dos expedientes, a xunta de goberno local avoga con este acordo as dúas competencias de forma que cun único acto administrativo resolverá os expedientes. A avogación das competencias inclúe un total de 75 expedientes de solicitudes de subvención para rehabilitación de edificios ou vivendas nas 4 ARRUS declaradas no Concello de Ourense (Centro Histórico de Ourense, na súa 16ª fase; Núcleo Etnográfico de Seixalbo, 11 ª fase; O Polvorín, Camelias, A Carballeira, 5ª fase; e Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado, A Inmaculada, 3ª fase)..

Servizos xerais (1). Aprobouse un incremento de 4.900 euros para a prórroga dos seguros dos vehículos a motor do Concello de Ourense, que aumentou o seu parque móbil.

Cultura (1). Aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Agrupación Coral de Ruada por importe de 6.000 euros.

Participación cidadá (2). Por unha banda, apróbase a convocatoria de subvencións en especie de locais veciñais para asociacións veciñais e federacións ou agrupacións de asociacións de veciños para o ano 2021.
Por outra banda, reponse o crédito non comprometido -55.906,37 euros- do expediente de subvencións a asociacións de veciños para o funcionamento e a realización de actividades a favor do asociacionismo veciñal para 2020.

Infraestruturas (1). Apróbase o gasto de 34.029,02 euros en concepto de liquidación do proxecto de acondicionamento de vías na rúa Vasco Díaz Tanco.

Avogacía consistorial (8). Un auto, tres sentenzas e catro comparecencias.
O auto nomea a terminación e o arquivo dun recurso promovido pola central sindical Csif contra o nomeamento do Director Xeral de Recursos Humanos do Concello de Ourense.
Sentenzas. A primeira, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, rexeita un recurso de apelación promovido pola Xunta de Galicia contra as liquidacións do IBI practicadas polo Concello de Ourense, que a sala considera correctas. As outras dúas, do contencioso-administrativo, estiman senllas reclamacións de particulares contra o Tribunal Económico Administrativo do Concello, e obrigan a devolver 3.671,18 e 1.789,03 euros, respectivamente, aos reclamantes.
Comparecencias. Neste mesmo sentido, o Concello deberá comparecer en tres procedementos sobre reclamacións derivadas do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana e noutro procedemento interposto contra unha liquidación do imposto dos vehículos de tracción mecánica.