Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

- A concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy convoca o Pleno do Consello de Persoas Maiores para o día 3 de maio

Ourense, 26 de abril de 2018

Esta mañá no Centro cívico da rúa Colón tivo lugar unha sesión do Pleno do Consello Municipal de Servizos Sociais, órgano de participación da cidadanía e das súas asociacións nas políticas sociais municipais. No transcurso da xuntanza presentouse a nova guía de recursos sociais de Ourense, unha publicación realizada por un grupo de traballo do Consello que detalla as prestacións que poñen a disposición da cidadanía un total de 88 entidades da cidade. A xuntanza estivo presidida pola concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy.

A guía de recursos sociais de Ourense é unha publicación dirixida á cidadanía en xeral, e pretende ser unha ferramenta sinxela e intuitiva, cun índice con conceptos de uso común e recursos agrupados por áreas. Vai acompañada dun mapa que permite atopar o emprazamento de cada unha das entidades e servizos.

A publicación está editada en papel para a súa distribución na cidade e se porá tamén á disposición da cidadanía proximamente a través da páxina web do Concello. Está dividida en 10 ámbitos de actividade, organizados por tipos de recursos. En total permite dispor de información de 88 entidades e servizos do municipio, entre elas as 4 unidades interdisciplinares de intervención social do Concello (UNIS) e o Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM)

Equipo de traballo integrado por unha decena de entidades

A elaboración da guía enmárcase dentro dun proxecto de actualización de datos das entidades sociais do municipio. Foi elaborada por un grupo de profesionais de distintos ámbitos sociais, partindo dunha iniciativa co Consello Municipal, que constituíu un equipo de traballo para realizala. Estivo formado por AODEM, AFFOU, Aixiña, Cadabullo, Cruz Vermella Española, Down Ourense, DISCAFIS-.COGAMI, Renacer Ourense, Fundación Juan Soñador e os servizos sociais do Concello.

O Consello Municipal de Servizos Socias está formado por representantes dos grupos políticos con representación no Concello, as Consellerías de Sanidade e Política Social, a Universidade de Vigo, as asociacións Centro social da terceira idade zona universitaria, Ategal, Afaor, Spes e Cruz Vermella, xunto con técnicos da área social do Concello.

Próxima xuntanza do Pleno do Consello de Persoas Maiores

Logo da xuntanza do Consello de Servizos Sociais desta mañá, e coa mesma finalidade de fomentar a participación da veciñanza e asociacións nas políticas municipais, a Concellería de Asuntos Sociais, convocará para dentro de dúas semanas Pleno do Consello Municipal de Persoas Maiores. Será o día 3 de maio, no Centro Cívico da rúa Colón, e abordará diferentes asuntos de actualidade en relación cos servizos sociais para este colectivo.

O Consello de Persoas Maiores é un órgano permanente de participación con funcións de informe e, no seu caso proposta, en tódalas cuestións referentes ás súas competencias, buscando a mellor solución para acadar un maior nivel de benestar posible, así como, a autonomía e integración social das persoas maiores do municipio.

Ten como finalidades servir de canle de participación e diálogo cos organismos públicos e privados en asuntos de interese común nesta materia, fomentar o desenvolvemento do asociacionismo e da participación das persoas maiores no noso municipio e potenciar a coordinación entre as institucións e entidades desta área, entre outras funcións sempre co obxectivo de fomentar a calidade de vida das persoas maiores en Ourense.