A Concellería de Asuntos Sociais do Concello de Ourense ten atribuída a xestión dos centros cívicos municipais, ámbito no que se desenvolve o Programa de Actividades destes centros. A realización destas actividades encoméndase a profesionais e empresas que reúnan as condicións máis idóneas tanto pola cualificación do persoal técnico como pola súa infraestrutura.
É obxecto destas bases regular a selección de proxectos do programa de actividades dos centros cívicos do Concello de Ourense, consonte aos obxectivos establecidos no artigo 3 da Ordenanza reguladora dos centros cívicos municipais do Concello de Ourense, particularmente: “ofrecer alternativas de ocio e tempo libre potenciando o desenvolvemento das habilidades e as capacidades das persoas”, e “elaborar programas de carácter cultural e social que teñan como obxecto o desenvolvemento integral dos veciños e veciñas”.
Os proxectos que se presenten deberán ter en conta, na súa elaboración, a inclusión de elementos transversais coma a posta en valor do barrio onde se sitúa o programa, o fomento da vida saudable e a implicación solidaria e integradora co entorno veciñal e urbano.