Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

As actividades de Conciliación Familiar e Profesional da Concellería de Asuntos Sociais nos centros cívicos acadan este ano un récord de participación con 525 nenos e nenas inscritos neste servizo, unha cifra que duplica ao número de beneficiarios hai dous anos, cando se inscribiron 275 persoas sendo esta a media de anos anteriores.

Dende a Concellería de Asuntos Sociais apúntase que este éxito no número de inscricións é consecuencia do aumento de horas de atención trala avaliación feita polos seus técnicos sobre as necesidades das familias participantes.

Na actualidade o horario é de 9.00 a 13:30 horas de luns a venres. Antes as actividades comezaban ás 10:00 horas, pero os técnicos constataron que a esas horas moitos pais e moitas nais xa estaban a traballar, mentres que as 9:00 horas non tiñan problemas para levar ás súas criaturas até os centros cívicos.

O despegue da participación se produce nos cinco centros cívicos da cidade, cun aumento medio dun 91% no número de inscricións.

A subida máis importante se ten producido no corazón da cidade, onde hai dous anos o número de inscritos nesta actividade eran 57, fronte ós 150 deste verán (un 163% máis).

No Centro Cívico de A Cuña, o incremento nestes últimos dous anos foi dun 67,5%, pasando de 37 a 62 beneficiarios.

O Centro Cívico de A Ponte segue a ser o que ten un maior número de participantes, con 223 inscritos, un 87,39% máis que hai dous anos.

No Centro Cívico de As Termas o aumento foi dun 82,3% neste mesmo período e este ano contará con 34 participantes; mentes que no Centro Cívico de Seixalbo están apuntadas 56 persoas, un 24,4% máis que no verán do 2016.

As actividades de Conciliación Familiar e Laboral están abertas a nenos nacidos no ano 2014 e que cursen até 6º de Primaria. A matriculación tivo lugar entre os días 13 e 20 de xuño e cerráronse catro quendas nos centros cívicos: do 2 ao 13 de xullo; do 16 ao 31 de xullo; do 1 ao 14 de agosto e do 16 ao 31 de agosto.

Ademais de axudar as familias a que os seus pequenos e pequenas poidan desfrutar de actividades mentes non están de vacacións, este programa ten por obxectivo fomentar a participación dos nenos e nenas en actividades socio educativas, lúdicas e culturais que promovan unha educación en igualdade e o coñecemento dos seus dereitos recoñecidos na Convención de Dereitos da Infancia.

A través de actividades lúdicas trátase de promover que os menores poidan converterse en axentes de cambio social, identificando a realidade do seu barrio e do seu entorno.