Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

Os centros cívicos do Concello acollerán un ciclo de conta contos en lingua de signos. Esta é unha iniciativa que desenvolven conxuntamente a Asociación de persoas xordas, APSOU, e o Concello de Ourense. Serán de 18 a 19 horas o día 21 de xaneiro no Centro Cívico Colón, o 23 na Ponte, o 28 nas Termas e o 30 na Cuña.

A actividade persigue que nenos e nenas teñan a súa primeira toma de contacto coa lingua de signos mediante unha proposta dinámica, lúdica e visual, como é a realización dun conta contos nesta lingua. Correrá a cargo de dúas educadoras: unha delas contará o conto en lingua oral e outra, ao mesmo tempo, en lingua de signos. Será un relato guiado que contará coa participación activa da cativada.

Nos derradeiros anos diversas investigacións están a demostrar que bebés de idade temperá aprenden a comunicarse antes en lingua de signos que en lingua oral, xa que o sistema motor desenvólvese antes ca os órganos fonadores, e isto facilita a comunicación con nais e pais evitando posibles frustracións e reforzando vínculos afectivos.

Tamén se ten constatado que a lingua de signos facilita a aprendizaxe e adquisición doutras linguas e aumenta as súas capacidades visuais e espaciais. Centros educativos que comezaron a traballar a lingua de signos nas aulas tamén destacan o clima tranquilo e a mellora na comunicación e as relaciones entre o alumnado.