Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

O Concello de Ourense, aprobou esta mañá, na sesión da xunta de goberno local as bases da convocatoria pública de selección de tres proxectos da Concellería de Asuntos Sociais para a campaña 2019/2020. Trátase dos Programas de Envellecemento Activo e das actividades para adultos e para a cativada nos centros cívicos.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, explicou que os tres programas “contarán cun orzamento superior aos 115.00 euros para a posta en marcha de alternativas de lecer para as persoas adultas e de propostas lúdicas e de reforzo educativo para as nenas e nenos”.

As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello de Ourense para a súa difusión.

O Programa de Envellecemento Activo consiste na posta en marcha de cursos e propostas de ocio e de tempo libre para as persoas maiores de 60 anos que residen no municipio.

Son actividades de exercicio físico, mantemento e deporte (tanto en espazos pechados, coma ao aire libre), pero tamén cursos de informática, actuacións artísticas, cognitivas e de estimulación da memoria.

Pola súa banda, a convocatoria de selección de proxectos para o programa de Actividades nos Centros Cívicos ten como obxectivos ofrecer alternativas de ocio e tempo libre aos seus participantes; potenciar as súas habilidades e capacidades; e elaborar programas de carácter cultural e social que impulsen o desenvolvemento integral das veciñas e veciños.

O Programa para nenas e nenos dos Centros Cívicos conta con catro eixes. Por unha banda, o alumnado de Infantil e Primaria conta con actividades semanais, e tamén os sábados, entre os meses de outubro a xuño. Trátase de dúas horas e media diarias con propostas lúdicas e socio educativas.

Tamén se convoca a selección de proxectos para as actividades de apoio escolar para nenas e nenos de 5º de Primaria á 2º de ESO, tres días á semana cun horario de dúas horas e media por día durante os meses do curso escolar.

E por último, as Actividades de Verán para nenos de Infantil de Primaria, durante os meses de xullo e agosto. Ao longo do verán o horario increméntase unha hora máis (ata tres horas e media) de luns a venres, para axudar tamén na conciliación entre a vida familiar e laboral.