Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou nunha xuntanza extraordinaria celebrada esta mañá as bases das axudas que lles darán apoio ás familias ourensás para a compra de libros e material escolar e comedores escolares no próximo curso 2020/2021. O Concello eleva este ano en máis de 50.000 euros a dotación da convocatoria, que ascende a un total de 294.250 euros, dos que 269.000 serán para axudas para comedores escolares (fronte aos 223.348,47 do curso anterior) e 25.000 para libros (20.000 no curso 2019/2020). Con este incremento da dotación, o goberno municipal pretende garantir que as axudas cheguen a todas as familias que o precisan e evitar que se produzan listas de espera, sinala a concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella.

As axudas están dirixidas a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes no Concello de Ourense empadroadas no Concello de Ourense que non superen os 3.500 euros de renda per capita anual, que teñan nenos ou nenas ao seu cargo estudando en centros públicos ou concertados de Ourense. A convocatoria de axudas publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, e ao día seguinte abrirase o prazo para presentar as solicitudes.

Requisitos 

Os requisitos, os mesmos da convocatoria do curso anterior, son que a familia estea empadroada no Concello de Ourense, con tres meses mínimo de antigüidade, todos os membros da unidade de convivencia e non superar os 3.500 € de renda per capita anual. Computarase un membro máis no caso de presentar algunha das persoas unha discapacidade igual ou superior ao 33%, e tamén no caso de ser familia monoparental (aquela constituída por unha soa persoa proxenitora ou titora con que convive o neno ou a nena, e que sexa a única sustentadora da familia).


Aumento das axudas de emerxencia social

A concelleira de Política Social advirte tamén que durante os dous últimos meses, o Concello de Ourense está a incrementar de forma moi importante as axudas de emerxencia social, unha partida dos orzamentos municipais á que ven de destinar unha achega adicional dun millón de euros, a través dunha modificación de crédito.

Con ela, explica Díaz Abella, preténdese axudar a moitas familias de Ourense que se atopan nunha situación moi complicada, e entre as que se están a detectar moitos casos de persoas que se viron incluídas nun expediente de regulación temporal de emprego pola pandemia da COVID-19, e que a día de hoxe aínda non cobraron a prestación por parte da Administración Central.

Por este motivo recorren ao Concello solicitando unha axuda de emerxencia social para facer fronte á súa situación. “En moitísimos casos aínda non cobraron o ERTE por parte da administración central e temos que ser o Concello, como administración máis próxima, quen poñamos o noso gran de area para que a situación que están vivindo sexa o menos gravosa posible e poidan saír adiante”, asegura a concelleira