Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

O Concello de Ourense concretou esta mañá un novo pulo á colaboración no ámbito social coa rubrica dun convenio polo que se destinarán 75.000 euros á Cruz Vermella. Preténdese así que se poidan atender as necesidades de atención e apoio que se viron substancialmente incrementadas pola pandemia da COVID 19 e pola crise económica que esta xerou. Para Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, trátase de “facer xustiza, así coma un recoñecemento ao traballo que desenvolve a Cruz Vermella”, polo que se decidiu “triplicar a contía económica, xa que o último convenio asinado fora de 25.000 euros”. “Era necesario”, afirmou.

Durante a reunión mantida no día de hoxe, na que tamén estivo presente a concelleira da Área Social, Eugenia Díaz Abella, o máximo representante provincial de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, a secretaria provincial, Sofía García-Iturri, e a coordinadora, Marisa López, abordáronse outras cuestións nas que se colaborará, caso do servizo de chamada e seguimento ás persoas maiores que vivan soas nas súas vivendas, e que se demorou debido ao coronavirus, e que tanto por parte do Concello coma de Cruz Vermella se pretende activar “de inmediato”.

A concelleira de Política Social, Eugenia Díaz, coincidía coas verbas do rexedor: “Debemos darlle as grazas á Cruz Vermella pola súa colaboración e traballo realizado en favor das persoas que se atopan en dificultades”. Ademais, puxo de manifesto a sintonía que existe entre ambas institucións para avanzar noutras actuacións que se puxeron enriba da mesa e que se plasmarán en futuros acordos.

En opinión de Felipe Ferreiro “dáse un paso moi importante en materia de colaboración”,sobre todo no recoñecemento do Concello ao traballo que se está facendo por parte de Cruz Vermella, e que se concreta con ese incremento económico no convenio”. Para o máximo responsable da entidade en Ourense, “o convenio consolida a aposta polos servizos ás persoas que máis o necesitan nestes intres”, advertindo que despois da pandemia “temos que facerlle fronte á crise económica que afecta a moitas persoas”.