Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Asuntos Sociais

Áreas

A asociación ourensá e a federación galega de persoas xordas desenvolverán o día 28 de setembro en Ourense un programa de actividades participativas e de sensibilización destinadas a dar a coñecer a realidade e as problemáticas que afectan a este colectivo. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo esta mañá unha xuntanza coa presidenta, María Isabel Fernández, e a intérprete, Arancha Pérez, da asociación ourensá (APSOU), para coñecer os pormenores destas actividades así como dos diferentes programas e servizos que presta a asociación ourensá. O alcalde comprometeu o apoio e colaboración do Concello con estas iniciativas así como co labor que desenvolve día tras día esta asociación, que presta servizos a 300 persoas na cidade.

A programación de actividades desenvolverase o sábado, 28 de setembro con motivo da conmemoración do Día Internacional de Persoas Xordas. A celebración , que cada ano se leva a cabo de forma itinerante entre diferentes cidades galegas terá como sede este ano Ourense para celebrar os 45 anos de actividade que cumpre a asociación ourensá

Comezará pola mañá cunha marcha de visibilización, que sairá desde o Pavillón dos Remedios e percorrerá o centro da cidade (Praza de Concepción Arenal, rúa Concello, Paseo e Lamas Carvajal) até rematar na Praza Maior, onde se lerán discursos e se realizará unha mostra de poesía en lingua de signos. Pola tarde, na escalinata de Santa María Nai desenvolveranse desde as 16:30 horas diferentes actividades culturais, como espectáculos de humor xordo e mimo, e de deporte e saúde, cunha clase de zumba.

Tamén durante toda a fin de semana (28 ao 30 de setembro) a Ponte Romana iluminarase de cor para conmemorar esta celebración.

A organización prevé reunir na cidade máis de 300 persoas procedentes de toda Galicia para participar nesta actividade que pretende visibilizar, sensibilizar e demandar melloras na accesibilidade para as persoas xordas en diferentes ámbitos que son necesarias para a súa calidade de vida; como intérpretes de lingua de signos, e outras nos campos da saúde ou da educación

Importante labor en Ourense

A Asociación de Persoas Xordas de Ourense presta servizos de intérprete a unhas 300 persoas en Ourense. Tamén, en colaboración coa Federación galega, presta servizos de emprego, atención a persoas xordas no ámbito social, educador e psicólogo e imparte cursos de linguaxe de signos. A súa sede está na rúa Ramón Cabanillas, 6, teléfono 988306012.