Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Comercio

Áreas

Un decreto da Alcaldía permitirá a ampliación dos espazos destinados a veladores -colocación de terrazas- para os establecementos de hostalaría que na actualidade contan coa correspondente licenza. Os titulares dos locais poderán solicitar esta ampliación asinando unha declaración responsable, que presentarán de forma telemática -correo electrónico- no Concello a partir deste mércores 27 de maio. Os horarios serán os autorizados pola Xunta de Galicia, segundo a licenza da actividade coa que contan. Queda sen efecto, en consecuencia, o horario límite das 23:00 horas que se fixara de forma inicial.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lembra que a normativa vixente nesta fase de escalada autoriza a apertura de locais de hostalaría, limitadas ao 50% das mesas e cadeiras permitidas no ano inmediatamente anterior de acordo coa licenza municipal.

Tomaranse medidas contundentes e de forma inmediata cando se constate o incumprimento das medidas de seguridade: “a este alcalde non lle tremerá o pulso na retirada das terrazas que incumpran estas medidas”, avisa. Fai fincapé o alcalde en que o incumprimento dos requisitos establecidos levará consigo a revogación inmediata, que se lle comunicará ao hostaleiro a través de correo electrónico, a mesma vía coa que este terá solicitado a ampliación, tendo en conta que estas autorizacións son concedidas “en precario, con carácter excepcional e temporal”. Advirte o alcalde a este respecto que o Concello poderá proceder á suspensión de licenzas para a instalación de terrazas na vía pública cando se dean casos de incumprimento das medidas de seguridade que poñan en risco a saúde dos cidadáns, tendo en conta que a día de hoxe segue vixente a situación de alarma decretada polo goberno central.

Procedemento que se debe seguir
O procedemento de ampliación das terrazas iniciarase coa solicitude que deben realizar os titulares dos locais de hostalaría que xa conten cunha licenza para a instalación das terrazas na vía pública, cumprindo unha serie de requisitos, que deberán acompañar dunha declaración responsable á que se unirá o plano de ampliación que se solicita, asinado por un técnico responsable, e o consentimento expreso dos titulares dos locais afectados pola ampliación.

Un dos requisitos fai referencia a que a superficie total destinada á terraza, incluíndo a ampliación, nunca poderá exceder do dobre da superficie inicial, debendo deixar un espazo peonil libre non inferior a dous metros.

No caso das prazas públicas, contémplase que a ampliación deberá deixar un espazo para os peóns de polo menos seis metros, aínda que o Concello resérvase a facultade de ditar instrucións específicas sobre a materia cando considere que o espazo público que se propón resulta “excesivo, desproporcionado ou limite o seu uso público”.