Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Comercio

Áreas

O goberno municipal acordará unha ampliación dos espazos destinados a veladores -colocación de terrazas- para os establecementos de hostalaría que na actualidade contan coa correspondente licenza. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lembra que, consonte o artigo 15 da Orden Ministerial do día 9 de maio, permítese a apertura de locais de hostalaría, unicamente no relativo ás terrazas, limitadas ao 50% das mesas e cadeiras permitidas no ano inmediatamente anterior de acordo coa licenza municipal. Co obxectivo de “recuperar, na medida do posible, a actividade económica”, adoptarase esa medida de ampliación, afirma Pérez Jácome, deixando claro que “sempre dentro do cumprimento estrito das normas sanitarias e de seguridade”, sobre todo as referidas ás distancias establecidas entre as mesas, así como á mobilidade dos peóns nesas zonas onde se aplique esa ampliación.

Outra das cuestións relevantes é que se tratará dunha ampliación concedida en “precario, con carácter excepcional e temporal”, así como que dita ampliación “poderá deixarse sen efecto, revogarse ou modificarse por acordo do alcalde”, que ten a competencia, como sinala o informe do técnico municipal. Tamén se produciría a modificación cando se deixen sen efecto as medidas acordadas polo Real Decreto do Goberno central no que se declaraba o estado de alarma, vixente na actualidade.

O que se mantén será o horario de peche, que remata as 23:00 horas, como se acordou o pasado 15 de maio, sustentado en evitar entrar en “incongruencia” cos criterios establecidos polo Goberno central, no relativo as limitacións fixadas para a mobilidade das persoas, segundo a Alcaldía.

En canto ao procedemento de ampliación das terrazas, iniciarase coa solicitude que deben realizar os titulares dos locais de hostalaría que xa conten cunha licenza para a instalación das terrazas na vía pública, cumprindo unha serie de requisitos, que deberán acompañar dunha declaración responsable á que se unirá o plano de ampliación que se solicita, asinado por un técnico responsable, e o consentimento expreso dos titulares dos locais afectados pola ampliación.

Un dos requisitos fai referencia a que a superficie total destinada á terraza, incluíndo a ampliación, nunca poderá exceder do dobre da superficie inicial, debendo deixar un espazo peonil libre non inferior a dous metros. No caso das prazas públicas, contémplase que a ampliación deberá deixar un espazo para os peóns de polo menos seis metros, aínda que o Concello resérvase a facultade de ditar instrucións específicas sobre a materia cando considere que o espazo público que se propón resulta “excesivo, desproporcionado ou limite o seu uso público”.