Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O Concello de Ourense vén de presentar a programación do Entroido 2018, unha das citas máis agardadas do ciclo festivo e para a que a Concellería de Cultura se involucrou con actividades para todas as idades, animación de rúa polo día e pola noite, ou o tradicional desfile e concurso de comparsas. Así, haberá charangas, orquestras -con aforo limitado- e Djs, pero tamén se potenciarán “as particularidades do Entroido en Ourense”, en palabras da responsable de Cultura, Belén Iglesias, con personaxes populares e de moita tradición na nosa cidade coma a Paquita e o Nicanor, a Pita ou o Frei Canedo.

Na presentación do programa, a concelleira estivo acompañada por Alexandre Hermida, técnico de Cultura, que debullou a programación día a día, con especial incidencia nas 17 charangas e orquestras, así coma na carpa que se instalará na praza do Correxedor, epicentro do Entroido na cidade. Porén, tamén haberá actividades para a cativada e para todos os públicos fóra do horario nocturno.

Un dos pratos fortes do programa será o desfile do domingo 11 de febreiro, para o que se anotaron un total de 60 comparsas (“unha máis que o ano pasado”, recalcaba Iglesias Cortés). A saída realizarase desde o barrio das Lagoas, e percorrerá as rúas do centro da cidade até chegar á praza Maior pola rúa Doutor Marañón. Pouco máis tarde chegará a fin do reinado de Jacobo Ovejero como Rei do Entroido, unha transición que fará “con tristeza pero con orgullo”, segundo afirmou na rolda de prensa.

Tamén tivo palabras de agradecemento Alexandre Prada, autor do cartel anunciador das festas, quen quixo desvelar en rolda de prensa os elementos que forman parte del: o termalismo e as augas do río Miño, o patrimonio monumental e a Sardiña como referente do Entroido.

Entroidos singulares

Na programación, ademais, hai espazo para os entroidos singulares da cidade: o de Seixalbo, coa Paquita e o Nicanor; o das Eiroás, coa súa Pita; e o do barrio da Ponte, co Frei Canedo. Todos estes entroidos contan co apoio do Concello para o desenvolvemento das súas actividades.

Documentación adxunta

Programación do Entroido 2018 (pdf)