Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas


Ourense será a capital galega do teatro entre o 4 e o 14 de outubro con motivo da XI edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que este ano ofrecerá 16 espectáculos de 15 compañías (seis delas dirixidas por mulleres). Nesta edición o teatro tradicional convivirá con novas propostas como teatro de rúa ou danza, da man de compañías chegadas de España, Portugal, Arxentina, Israel e Chile.

"Hoxe é un día grande para Ourense no que vemos os froitos da colaboración institucional e do traballo dos organizadores”, destacou a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, durante a presentación do programa de actividades. O acto contou tamén coa presenza de Sabela Gago, directora do FITO; Olga Mojón, directora do Teatro Principal; Aurelio Gómez Villar, asesor de Cultura da Deputación de Ourense e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A concelleira de Cultura destacou que a programación permitirá aos ourensáns revisar os textos de autores clásicos, como Virginia Wolf; ou descubrir a voz de novos creadores: como Genma Brió con “Liberto”; Selu Nieto, con “La última Boqueá” ou Mariano Barroso e Alejandro Fernández, con “Todas las mujeres”.
Ademais recordou que este ano haberá nove estreas e será a oportunidade de “disfrutar da madurez do teatro ‘made in Galicia’, a través da presenza de sete compañías recoñecidas en certames do máis alto nivel”.
Por último incidiu nas actividades paralelas como o IV encontro "Mulleres creando", que reunirá a diferentes creadoras para construír un espazo de intercambio artístico e reivindicar o papel da muller no mundo do teatro.
As representacións terán lugar no Teatro Principal e no Auditorio Municipal, que este ano adaptan os seus horarios para facilitar o acceso ao maior número de público. Así, os domingos as representacións no Teatro Principal serán as 19,00 horas, e as 20,30 horas no Auditorio Municipal. O resto da semana o horario será as 20,00 horas no Teatro Principal e as 22,30 horas no Auditorio Municipal.
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, salientou a “evolución deste certame que supón un magnífico impulso á dinamización da escena en Ourense”.
Pola súa banda, o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar, destacou a diversidade do programa e a colaboración entre institucións como “garantía do éxito deste certame” e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, confirmou que “este ano ampliarase o tempo de cortesía para facilitar a chegada de maior número de espectadores”.
A directora do FITO, Sabela Gago, defendeu ao FITO como “lugar de encontro e proxecto estratéxico para a proxección internacional de Ourense, e para impulsar aos creadores emerxentes do Teatro”. Tamén recordou que este ano o programa será máis diversificado que nunca con ofertas de “teatro rúa, danza, teatro de autor, teatro contemporáneo e comprometido co tempo que vivimos”.
Para máis información sobre a programación e horarios xa se pode consultar a webFITO2018