Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

O artista ourensán Zeta e a malagueña Ángeles Sioli amosan as súas últimas creacións no Museo Municipal. O espazo expositivo da rúa Lepanto acolle na súa salas I e I a exposición “Obra matérica”, de Zeta, e a sala III “En voz alta, de Sioli. As dúas poderanse visitar até o día 8 de setembro.

Zeta é un artista ourensán diferente, que traballa con restos de materias e naturezas, pedra, madeira, cartón, ferro, cola, pigmentos...que potencian as luces e as sombras, convertendo o refugallo nunha obra elegante, e a pintura en escultopintura.

Na obra de Zeta atopamos reminiscencias co vivo, orgánico, tendencia esta preponderante na Arte europea, con tons fríos e cálidos que conxugan formas puras e profundas.

En voz alta é un proxecto que presenta Angeles Sioli. Unha colección de 20 obras que utilizan distintas técnicas, vídeo- performance, debuxo, pintura, escultura e bordado.

O proxecto comeza dicindo NON, en voz alta. Un rexeitamento radical á desigualdade entre humanos. Negación sostida no tempo, escrita coa delicadeza duns pétalos, cunha palabra necesaria e sen equívocos: NON. Un desexo de igualdade que parte dun Universo Real, que viaxa por unha utopía positiva para recrear un Universo Ucrónico, o dunha realidade na que a igualdade existise.

Ángeles Sioli leva anos expoñendo cunha actitude investigadora en temas, técnicas e materiais. Este, o seu último proxecto-EN VOZ ALTA-preséntase en colaboración coa ourensá Fundación Cum Laude.